Rafa Domínguez pide ao alcalde "que chame á orde e controle" ao concelleiro Demetrio Gómez
Por Oskar Viéitez
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, esixiu ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores "que chame á orde e controle" ao concelleiro de Obras, Demetrio Gómez por "ofender a todos os pontevedreses".
Segundo o edil popular esa ofensa tería lugar na reunión de Gómez Xunqueira cos representantes da Cámara de Comercio, de AEMPE e dos negocios afectados polo peche ao tráfico da rúa Reina Vitoria. Asegura Rafa Domínguez que todos eles abandonaron o encontro "debido ás malas formas e a falta de empatía e educación do nacionalista".
"É unha ofensa para todos os pontevedreses as maneiras do Bloque, e un menosprezo absoluto cara aos presentes, chegando a poñer na súa boca palabras que non pronunciaran", declarou Domínguez.
Segundo Rafa Domínguez "culparon de non ser susceptibles coa pandemia a persoas que traballan en sectores fundamentais para o correcto desenvolvemento da cidade. É un insulto que se lles dixese que querían antepoñer a economía ao virus. A actitude dos nacionalistas debe cambiar radicalmente", subliñou.
"Pídolle ao concelleiro Demetrio Gómez que abandone a prepotencia e lémbrolle que como cargo público está o servizo dos pontevedrés e débelles respecto", matizou.
O portavoz popular criticou que "en ningún momento os nacionalistas buscan entender ou empatizar cos pontevedreses" senón que, ao seu xuízo teñen "un modo de operar baseado na falta de consenso e na imposición do ilóxico".
Ademais Domínguez dixo que "no BNG non lles bastaba con arruinalos, tamén lles gusta faltarlles ao respecto e rirse nas súas caras", e engadiu que o Goberno local "sostén un plan para que a xente non veña á nosa cidade".