A cidadanía debe solicitar cita previa para acudir ás sedes xudiciais
Por Oskar Viéitez
A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aprobou nun pleno extraordinario celebrado esta semana a actualización do Protocolo de Actuación e Organización nos Órganos Xudiciais da Comunidade para facer fronte á covid-19. Como novidade, os membros da Sala incorporaron medidas relativas á atención ao público e normas sobre o uso dos edificios xudiciais de aplicación en todas as sedes da Comunidade.
O protocolo insiste en que a atención á cidadanía se realizará, de forma preferente, a través do teléfono ou do correo electrónico, para evitar desprazamentos innecesarios ás sedes. Todos os órganos xudiciais fixeron públicos os seus datos de contacto na páxina web www.xustiza.gal.
O novo protocolo especifica que nos casos en que resulte imprescindible acudir presencialmente aos edificios xudiciais será necesario obter cita previa, excepto para os profesionais (avogados, procuradores e graduados sociais) que por razón do seu labor deban desprazarse a eles. No seu interior débense seguir mantendo as medidas de seguridade fronte ao coronavirus recomendadas polas autoridades sanitarias sobre distancias de seguridade, capacidade, uso obrigatorio de máscara, desinfección de mans e limpeza frecuente e ventilación dos espazos comúns.
Os membros da Sala de Goberno sinalan no documento que os xuízos, comparecencias, declaracións, vistas e, en xeral, todos os actos procesuais, sobre todo aqueles nos que só interveñan profesionais, deben realizarse preferentemente de forma telemática. Ademais, indican que as deliberacións nos órganos colexiados e a sinatura das resolucións se realizarán, "sempre que sexa posible", a través de internet.
No caso de que as actuacións procesuais teñan lugar de forma presencial, lembran que "se deberán observar e cumprir as indicacións e prevencións que en cada momento establezan as autoridades sanitarias".
O protocolo indica que os informes médico-forenses, de equipos psicosociais de menores e familia e das unidades de valoración integral de violencia sobre a muller poderán realizarse baseándose unicamente na documentacion medica existente ao seu dispor, que poderá ser requirida a centros sanitarios ou ás persoas afectadas para que sexa remitida por medios telemáticos, sempre que iso for posible. De oficio ou a requirimento de calquera das partes ou do facultativo encargado, o xuíz poderá acordar tamén que a exploración se realice de forma presencial.
A orde de preferencia na tramitación dos procedementos, así como a programación das axendas de sinalamentos, varía en cada orde xurisdicional para se adaptar ás diferentes normas aprobadas para axilizar unha resposta xudicial rápida e garantir os dereitos da cidadanía que máis afectada se viu pola pandemia. Con todo, en todas as xurisdicións se seguirá como criterio xeral manter os sinalamentos efectuados con anterioridade ao 15 de marzo.
O protocolo tamén lembra que mentres dure a crise sanitaria os medios terán que cumprir as indicacións incluídas na modificación que do Protocolo de Comunicación da Xustiza se fixo a final de maio.
Todas as medidas incluídas no documento se manterán como mínimo ata o 20 de xuño de 2021 e se prolongarán ata que o Goberno declare a finalización da crise sanitaria ocasionada pola covid-19.