A Xunta mellorará dúas estradas en Xeve para aumentar a seguridade viaria no colexio de Santo André
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou este venres nunha en rolda de prensa celebrada en Pontevedra as actuacións previstas na área do CEIP Santo André de Xeve.
O Diario Oficial de Galicia deste venres publica os anuncios polos que se someten a información pública os dous proxectos de mellora da seguridade viaria que levarán a cabo nas estradas autonómicas PO-223 e PO-224, ao seu paso por esta parroquia pontevedresa. As persoas interesadas poderán facer suxerencias desde o vindeiro luns, 5 de outubro, ata o 16 de novembro.
Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e a delegada da asociación Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, deu conta das dúas actuacións que vai levar a cabo o Goberno galego que supoñerán un investimento autonómico de 2 millóns de euros para favorecer unha contorna máis segura para veciños e escolares.
A Xunta traballa coa previsión de pechar os proxectos construtivos en 2021, entón iniciarase o procedemento expropiatorio para, a continuación, licitar as obras.
A conselleira explicou que na estrada PO-223 acometerase unha senda de dous quilómetros pola marxe dereita da vía, que permita a circulación peonil e de ciclistas non deportivos entre os núcleos do Couso e Sobral, atravesando o polígono industrial e o CEIP Santo André de Xeve.
Tamén se mellorarán as paradas de autobús e atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas, incorpórase un pequeno tramo de senda na glorieta da intersección coa vía a Monte Porreiro.
Ethel Vázquez incidiu en que estes traballos faranse de maneira coordinada co proxecto de mellora da seguridade da estrada PO-224, en Santo André de Xeve, precisamente na contorna da intersección onde se cruzan estas dúas estradas de titularidade da Xunta.
Esta intervención está recollida no convenio asinado en marzo entre a Xunta e Stop Accidentes. A actuación ten como base un proxecto piloto que tiña en marcha a asociación dirixido a facilitar desprazamentos máis seguros en contornas rurais, con regulación con semáforos e unha glorieta que fomente a diminución da velocidade na zona.
Tamén se habilitará un itinerario peonil e ciclista de 400 metros que permita conectar o núcleo de Sobral co colexio e dispoñeranse 47 prazas de estacionamento na zona e 4 reservadas para autobuses.
Relacionadas:
-
A reforma viaria prevista na contorna do CEIP de Santo André de Xeve acabará no verán de 2024
Por Anxo Lourido |
-
Lores pon deberes a Ethel Vázquez: a mellora da estrada de Campo Lameiro ao seu paso por Lérez
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A nova senda pola PO-223 en Xeve será licitada antes de final de ano
Por Redacción |
-
Os técnicos municipais suxiren instalar 'lombos' no camiño escolar de Santo André de Xeve
Por Alejandro Espiño |