A Biblioteca de Pontevedra ampliará o seu espazo de almacenaxe
Por Redacción
As condicións de almacenaxe e depósito dos fondos documentais da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola serán melloradas. A Xunta de Galicia anunciou este mércores que levará a cabo as actuacións necesarias para aumentar o espazo nas mellores condicións físicas e de seguridade que requiren este tipo de documentos.
O secretario xeral de Cultura, Anxo A. Lorenzo, explicou na súa visita á biblioteca que o goberno autonómico acaba de licitar o servizo de subministración e instalación de armarios móbiles por valor de máis de 60.000 euros. O contrato inclúe as tarefas de traslado dos armarios, descarga e a súa instalación na biblioteca, empregando para iso a maquinaria idónea para este tipo de subministración.
Estes traballos enmárcanse no programa da Consellería de Cultura, Educación e Universidades de “apoiar e velar polo correcto desenvolvemento do sistema bibliotecario de Galicia, dotándoas de mobiliario e equipamento necesario para o cumprimento das súas funcións”, indicou.