Con outubro, retómanse os permisos de queima suspendidos polo risco de incendio
Por Redacción
Este xoves 1 de outubro poderán solicitarse de novo as autorizacións para queimas en terreos forestais e realizar as comunicacións para as queimas rexistradas en parcelas agrícolas.
A Consellería do Medio Rural levanta así a suspensión de realizar queimas nos terreos rústicos que permanecía vixente dende o pasado día 1 de xullo, data de inicio da época de alto risco de lumes. Desta maneira, dá por rematada esa tempada de maior risco.
As persoas interesadas poderán contactar con Medio Rural a través do teléfono 012 ou por vía telemática dende o enderezo web https://queimasweb.xunta.gal.
Os cidadáns que desexen queimar restos agrícolas amoreados nas zonas que determina a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia deberán comunicalo dous días antes.
No caso de queimas de restos forestais amoreados, deberase solicitar unha autorización debido ao risco da actuación, sendo maior o proceso de tramitación.
Máis información sobre a realización de queimas, no enderezo web da Consellería do Medio Rural.