O BNG critica que o parque de bombeiros do Morrazo acumula as peores condicións en medios
Por Redacción
Os portavoces do BNG nos cinco concellos da comarca do Morrazo (Daniel Rodas, Odilo Barreiro, Xosé Leal, Mercedes Giráldez, Tomás Boullosa e Pilar Blanco) compareceron este martes en rolda de prensa para denunciar a situación do parque de bombeiros no polígono de Castiñeiras en Bueu.
O BNG no Morrazo ven de presentar unha moción en todos os concellos na cal insta á Xunta e á Deputación a mediar no conflito entre as empresas concesionarias e o persoal de extinción de lumes e emerxencias do parque comarcal, e na que manifesta o seu apoio ás demandas tanto laborais como de calidade dos servizos de bombeiros da comarca.
"A Xunta derivou as súas competencias en emerxencias e extinción de incendios nos concellos de menos de 20.000 á Deputación Provincial, a cal, en xuño deste ano, entregou á xestión dos parques de bombeiros á empresa Matinsa, do conglomerado empresarial de Esther Koplowitz, implicada no caso dos sobres do PP. Matinsa asumiu a xestión do parque do Morrazo en xuño deste ano, por 8 anos prorrogables a 14 e por 21 millóns de euros", sinala a portavoz do BNG, Pilar Blanco.
"O parque do Morrazo é o peor dos catro da provincia tanto en medios materiais como humanos"
Segundo destacaron en rolda de prensa o presidente da Deputación, Rafael Louzán, coa anuencia dos alcaldes do PP, anunciou que a privatización implicaría aumento de persoal e medios materiais, e que ademais a propia institución provincial investiría 100.000 euros nas instalacións, pola contra "nada do anunciado polo señor Louzán ten que ver coa situación actual do parque de bombeiros instalado no polígono empresarial de Castiñeiras en Bueu: O parque do Morrazo é o peor dos catro da provincia tanto en medios materiais como humanos. Ningunha das melloras anunciadas foron acometidas, e o edificio incluso ten goteiras", informou Mercedes Giráldez, portavoz do BNG en Cangas.
"Esta privatización provoca que as emerxencias estean totalmente atomizadas nunha morea de empresas privadas entre as que non hai a coordinación esencial neste servizo, ademais de levar aos traballadores á precarización laboral e a desprotección xa que actualmente non están protexidos por ningún convenio grazas á reforma laboral do PP", engadiu a portavoz nacionalista.
Pilar Blanco indicou que actualmente hai contratadas 16 persoas, das cales só fan quendas de 3 persoas, que deben cubrir os cinco concellos do Morrazo ademais de Soutomaior e Ponte Caldelas. "Isto significa que só hai tres bombeiros como máximo traballando ao mesmo tempo, equivalente ao número de persoas que establecen os servizos mínimos", engade. "Os propios bombeiros confirmáronnos que non é posible cumprir cos tempos de resposta, xa que en caso de emerxencia en Ponteareas tardan unha hora como mínimo en chegar ao punto de actuación".
"ÿ un exemplo máis de privatización salvaxe de servizos públicos por parte do PP"
A privatización do servizo supón que os 100.000 habitantes que suman os cinco concellos do Morrazo, xunto con Soutomaior e Pontecaldelas, estean cubertos por tan só 3 bombeiros "Para que nos fagamos unha idea, o parque de bombeiros de Pontevedra, xestionado polo propio concello, establece quendas de 9 persoas só para o radio do propio concello", indica Daniel Rodas.
Para o deputado do BNG este é un exemplo máis de privatización salvaxe de servizos públicos por parte do PP: "Os galegos poñemos os medios, neste caso para construír e habilitar un parque de bombeiros no Morrazo, e a Xunta privatiza e precariza o servizo, renunciando á profesionalización que garantiría unha prestación pública directa".