Vilagarcía rexistra tres novos contaxios por covid e chega aos 60 positivos
Por Oskar Viéitez
O número de persoas contaxiadas por Covid-19 en Vilagarcía pasou dos 57 do xoves aos 60 deste venres, segundo comunicou a dirección do Sergas ao alcalde, Alberto Varela. As mesmas fontes ligan ese incremento ao brote xurdido nunha avícola de Cambados. Tres dos traballadores que deron positivo viven en Vilagarcía.
Segundo o pactado polo alcalde co Sergas, xa foron remitidos á autoridade sanitaria os listados dos traballadores do Servizo de Axuda no Fogar (55), dos axentes da Policía Local (47, incluídos axentes, auxiliares e condutores do guindastre) e dos propietarios dos establecementos de hostalería, que, á súa vez, deberán remitir os datos dos seus traballadores. Os tres colectivos realizarán probas de PCR nos vindeiros días.
Dende o goberno local apélase de novo á responsabilidade. Malia que os casos detectados apenas supoñen o 0,15% da poboación, nas últimas semanas se advertiu un ascenso nos contaxios. Os rangos de idade máis afectados dentro deses 60 casos rexistrados están entre os 20 e os 30 anos e entre os 30 e os 40 anos, polo que a maioría lígase ao ocio e ás reunións familiares e de amigos. Pídese ser respectuosos coas normas de protección individual, que derivan na protección colectiva.
A CIG DENUNCIA "NEGLIXENCIA"
O sindicato nacionalista CIG acusou á Xunta de "neglixencia" no gromo de covid-19 rexistrado nunha empresa avícola de Cambados, xa que a central ten indicios de que "tanto a empresa como a Administración coñecían hai tempo a existencia de positivos, malia o que se continuou a traballar".
Dende a federación de Alimentación da CIG sosteñen que o contaxio masivo é consecuencia da "permisividade e a falta de control coa que a Xunta favorece ás grandes empresas".
Relacionadas:
-
Avigal pechará 48 horas as súas instalacións en Cambados para desinfectar a fábrica
Por Oskar Viéitez |
-
Continúa o avance de positivos na área sanitaria, que sumou 36 novos brotes desde que hai restricións
Por Natalia Puga |
-
Un brote nunha avícola de Cambados suma 96 positivos por Covid-19
Por Natalia Puga |