Educación responde ao Concello e nega que os centros educativos da cidade estén saturados
Por Redacción
Os centros escolares de Pontevedra teñen prazas libres. Así o asegura, polo menos, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na provincia de Pontevedra. O departamento sae así ao paso das declaracións verquidas aos medios polo responsable da área de Educación do Concello de Pontevedra, Agustín Fernández, respecto dunha suposta saturación dos centros educativos da cidade.
Neste sentido o xefe territorial, César Pérez Ares, recórdalle ao goberno municipal que a cidade conta aínda con 141 prazas libres para nenos de 3 anos (cuarto curso de educación infantil) en centros públicos. Polo tanto, insiste en que a oferta educativa supera a demanda existentes, que só cubre a totalidade das prazas de 3 anos en centros concertados, ao igual que sucede no resto dos cursos.
A Consellería de Cultura e Educación apunta que puxo a disposición da cidadanía un total de 1.040 prazas en cuarto de educación infantil para o curso 2013/2014, das que só se cubriron 899, polo tanto quedaron 141 prazas libres, todas elas en centros públicos. Destes 899 alumnos, o 92,7% obtiveron praza no centro da súa primeira escolla, e o 98,9 % dentro dos centros que marcaran entre os da súa prioridade.
A maior demanda de prazas produciuse nos colexios concertados Nosa señora dos Dolores- Doroteas e Santiago Apóstol; e nos públicos Álvarez Limeses, Froebel e o Crespo Rivas. Aínda así neste último CEIP obtiveron praza, unha vez atendidas todas as solicitudes da propia zona de escolarización, nenas e nenos pertencentes a outras zonas de escolarización da cidade, "o que demostra que a oferta educativa é suficiente para dar resposta ás necesidades e preferencias das familias, máis tendo en conta a tendencia de caída da natalidade".
Non en balde, desde 2008 o número de nados no Concello de Pontevedra foi diminuíndo: desde os 907 dese 2008 ata os 797 do 2010 -que son os nenos que este ano empezan o colexio en cuarto curso de infantil-. A tendencia continúa no mesmo sentido, segundo a Xunta de Galicia, no ano 2012, con 737 nacementos.
OBRAS EN CENTROS PUBLICOS
Aínda que consideran "lícito" que o Concello demande novos colexios, a Consellería de Educación entende que "en épocas de crise cómpre actuar con responsabilidade e priorizar os recursos", polo que afirma que as esixencias municipais "só se poden considerar como un exercicio de demagoxia e de intento de politizar, unha vez máis o ensino".
Ademais, o xefe territorial da Consellería en Pontevedra lamenta que o Concello non valore os "valiosos" recursos educativos existentes na cidade e que faga demagoxia, "máis cando durante o goberno bipartito da Xunta os centros educativos como o Froebel quedaron no esquecemento, sen atender ás súas necesidades de mellora, ás que está a dar agora resposta a Xunta de Galicia".
Neste sentido, Pérez Ares sinalou que a Xunta de Galicia ten feito un investimento de máis de 4 millóns de euros nos colexios públicos da cidade do Lérez para a mellora das súas instalacións; así como os máis de 200.000 que inviste na mellora das instalacións dos CIFP Xunqueira e Carlos Oroza e mais do IES Frei Martín Sarmiento.
Ademais, insistiu en que a Consellería ten o obxectivo de impulsar todos os centros educativos de Pontevedra, atendendo ás súas particulares necesidades, "co fin de que a poboación escolar se reparta entre todos os colexios da cidade e non se concentre só nos devanditos colexios do centro". Proba diso, concluiu, son as obras que se están a realizar en centros como o CEIP de Cabanas e o CEIP Campolongo, nos que se está a facer a instalación dun cuarto de baño de infantil moi demandado, e a reforma do comedor e da sala multiusos, respectivamente.