Acepta cinco anos de prisión por tentar matar outro home cun machete nun bar de Vilagarcía
Por Natalia Puga
Un arousán aceptou este martes cumprir cinco anos de prisión por tentar matar a outro home nun bar de Vilagarcía utilizando un machete de cociña e un coitelo de grandes dimensións.
O home debía ser xulgado este martes na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, pero evitou a celebración do xuízo ratificando un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que viu reducida substancialmente a condena, pois inicialmente enfrontábase a unha petición de nove anos de prisión.
O acusado, ademais, poderá evitar o ingreso en prisión, pois o acordo asinado co fiscal Pablo Varela recoñece un período de suspensión extraordinario da condena durante tres anos condicionado a que siga un tratamento psiquiátrico. Respecto diso, fontes xudiciais indicaron que o home presenta varios trastornos e leva moitos anos a tratamento psiquiátrico.
A sentenza que agora ditará a Audiencia en base ao acordo de conformidade alcanzado incluirá, ademais deses cinco anos de prisión, o pago de 10,589,84 euros á súa vítima en concepto de responsabilidade civil polas lesións ocasionadas.
Os feitos, cualificados como un delito de homicidio en grao de tentativa, ocorreron sobre as 2.30 horas da madrugada do 20 de xullo de 2017 nun bar de Vilagarcía. O acusado e a súa vítima coincidiran sobre a unha da madrugada noutro lugar e tiveran un enfrontamento verbal no que lle chamou "lercho" e máis tarde coincidiron de novo neste bar.
En canto entrou pola porta, o acusado empezou a ameazalo con xestos e a proferir berros. O outro home díxolle "Vete a dormir hombre, vete a dormir" e, como reacción, o agora condenado saíu do establecemento, regresou poucos minutos despois cun machete de cociña nunha man e un coitelo longo na outra e díxolle "a ti te voy a matar".
O outro home colleu un taburete a modo de escudo para tentar defenderse, pero o acusado elevou o machete e tentou golpealo co mesmo na cara, acabando por alcanzalo no antebrazo esquerdo. Acto seguido, tentou cravarlle o coitelo á altura do abdome, pero o seu opoñente defendeuse agarrando a arma branca coa man dereita. Evitou que lle clavese o coitelo, pero sufriu un corte nos dedos.
A partir dese momento, para defenderse, o outro home abalanzouse sobre o acusado, ambos caeron ao chan e logrou reducilo, retendo ao agora acusado ata que chegou a Policía.