Comeza a construción das pozas termais dos Baños do San Xusto

Por Redacción

© Concello de Cerdedo-Cotobade

© Concello de Cerdedo-Cotobade
En xaneiro comezaba o proxecto de rehabilitación do antigo complexo termal de Baños do San Xusto e xa se atopa na súa fase final co inicio das obras para instalar as pozas públicas ao aire libre.
Segundo informa o goberno local de Cerdedo-Cotobade, utilizarase o deseño das bañeiras preexistentes para a execución das pozas e esperan que se convertan nun dos principais atractivos turísticos desta contorna, que terá uso libre.
A intención do Concello é que este recinto se atope en funcionamento na primeira metade de 2021 coa posta en marcha do balneario, as pozas públicas, saunas e zonas de lecer e de esparexemento natural.
Xa se finalizou a obra do chorreo da pedra da antiga minicentral e instalouse a cuberta sobre trabes de ferro e de madeira. Tamén se traballa no exterior do edificio e, segundo comenta o alcalde Jorge Cubela, agardan que as estadas se retiren a finais deste mes de setembro.
Despois finalizarán os servizos e detalles interiores coa rehabilitación da antiga Casa do Muiñeiro e dos catro muíños, cos seus muros, situados na contorna que se converterán en saunas con miradoiro.
Este proxecto conta cun investimento de 700.000 euros financiados pola Xunta de Galicia. Cubela afirma que será o mellor recinto termal público da provincia e un dos tres mellores de toda Galicia en comparación cos de Ourense.
Relacionadas:
-
Concello e Xunta avalan a "gran calidade" da rehabilitación dos Baños do San Xusto
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade impulsará a promoción turística do San Xusto, A Freixa, os Petróglifos e a ruta Cabenca-Cavadosa
Por Redacción |
-
Remodelan a casa consistorial de Cerdedo para mellorar a súa accesibilidade
Por Redacción |
-
Cerdedo - Cotobade inicia o seu sétimo campus de voluntariado centrado nos Baños de San Xusto
Por Redacción |
-
O Defensor del Pueblo admite carecer de competencias e pecha o expediente do convenio de Baños do San Xusto
Por Redacción |
-
O balneario, as pozas públicas e as saunas dos Baños do San Xusto abrirán en 2021
Por Redacción |