A Policía Local de Poio alerta do incremento de persoas maiores condutoras sen as aptitudes mínimas para ir ao volante
Por Redacción
A Policía Local de Poio, a través do seu xefe Antonio Duarte, sinala que durante este 2020 detectáronse a varios condutores, principalmente persoas de avanzada idade, que incumpren coas aptitudes e requisitos mínimos para manexar un vehículo.
Sinalan que en agosto, os axentes interceptaron un veciño de San Xoán de Poio, propietario dun turismo que se atopaba aparcado nunha zona reservada para persoas con problemas de mobilidade. No momento en que solicitaron a identificación ao condutor, os axentes comprobaron que o home, de 65 anos, padecía unha enfermidade neurolóxica que lle provocaba perdas de memoria. Entón, os integrantes do corpo de seguridade inmobilizaron o turismo e daban aviso a un familiar. A partir dese momento, iniciáronse os trámites para solicitar a retirada do seu permiso de conducir.
Antonio Duarte explica que cando se atopan con estas situacións o que fan é poñerse en contacto coa Dirección Xeral de Tráfico para solicitar que se efectúe unha revisión extraordinaria do exame psicotécnico do condutor. Nestes casos, segundo explica, pode darse o caso de que estas persoas perdan definitivamente o carné de conducir ao non superar a proba e noutros casos limítaselles a condución a un número concreto de quilómetros ou se lles prohibe circular durante a noite, segundo as circunstancias.
Lembra que é importante que as familias que teñan a unha persoa con este tipo de problemas que dificulten a condución o notifiquen á Policía Local. Duarte sinala que, en ocasións, se detectan estes casos porque nas patrullas comproban unha manobra incoherente ou perigosa.
Segundo explica, no municipio de Poio, non se produciron accidentes de gravidade nos últimos tempos nos que estivesen implicados este tipo de condutores pero alerta do perigo que poden carrexar se circulan na estrada sen o control necesario.