O programa 'Cubertos' repartiu en Pontevedra 7.171 menús a menores en risco de pobreza nas vacacións
Por Redacción
O programa 'Cubertos', impulsado por ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, finaliza a súa actividade coa satisfacción de ter garantido unha alimentación saudable durante as vacacións escolares a menores en risco de pobreza ou exclusión social, en colaboración con concellos e entidades sociais.
En Pontevedra, este programa desenvolveuse coa participación do Concello, de modo que se puideron repartir un total de 7.171 menús durante as vacacións escolares, máis de 140 cada día, nos tres puntos de distribución habilitados na cidade.
Os menús distribuíronse, ademais de en Pontevedra, nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo. Grazas a este proxecto, desde o pasado mes de xullo puidéronse repartir preto de 80.000 menús, 1.650 ao día de luns a venres, nas sete principais cidades galegas.
Desde Afundación destacan que para o correcto desenvolvemento do programa foi imprescindible o labor dos 100 membros do equipo da Obra Social de ABANCA e os 120 voluntarios que se encargaron de preparar a distribución, entregar os menús e atender ás familias.
Este programa levouse a cabo co obxectivo de apoiar á infancia en risco de pobreza ou exclusión social, cuxa situación viuse agravada pola crise da COVID-19, garantindo unha alimentación saudable e nutritiva durante as vacacións escolares.
Os menús do programa 'Cubertos' elaboráronse seguindo as recomendacións da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) para que fosen saudables e especialmente orientados a menores que se atopan en fase de crecemento.
Con este obxectivo, os menús, preparados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, foron equilibrados, orientados á idade e gustos dos menores, ademais de elaborados con produtos frescos de provedores locais. Así mesmo, na preparación dos menús atendeuse ás necesidades específicas dos nenos e nenas participantes con intolerancias, alerxias ou outras particularidades.
Relacionadas:
-
Garanten un centenar de menús diarios a menores pontevedreses en situación vulnerable
Por Redacción |
-
O programa "Cubertos" reparte 150 menús diarios a menores pontevedreses en risco de exclusión social
Por Oskar Viéitez |
-
Concello e Afundación proporcionarán ata 170 menús diarios a menores de Pontevedra en situación vulnerable
Por Redacción |
-
Pepe Solla pon fin a unha tempada "gratificante e moi triste á vez" no Comedor de San Francisco
Por Manu Otero & Mónica Patxot |