Rouban material médico valorado en centos de miles de euros dun box de Montecelo
Por Alejandro Espiño
A Policía Nacional de Pontevedra investiga o roubo que se produciu o pasado sábado no Hospital Montecelo, de onde desapareceu material sanitario que, segundo as primeiras estimacións, está valorado en centos de miles de euros.
Todo este material, segundo confirmou a Policía Nacional, atopábase no interior dun box que habitualmente está pechado con chave.
A porta non presentaba signos de ser forzada polo que, entre outras hipóteses, barállase que puidese quedar aberta nun descoido.
Desde o Servizo Galego de Saúde aseguran que o material roubado está dedicado á realización de exploracións dixestivas. En concreto, desapareceron endoscopios -que levan unhas cámaras para ver as cavidades internas do corpo humano- e un procesador.
Os investigadores desprazáronse ata o hospital para tratar de solicitar probas que permitan esclarecer este roubo, que revolucionou a actividade hospitalaria.
O Sergas afirma que, a pesar do roubo, púidose manter o 90% da modalidade asistencial do servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Hospitais de Ourense, Vigo, Santiago e A Coruña facilitaron material ao centro pontevedrés para cubrir as perdas. A administración sanitaria confía en que a actividade programada para o resto da semana non se vexa afectada de maneira destacable.