Marín presenta un portal web para coñecer a riqueza cultural e patrimonial dos lavadoiros
Por Redacción
O Concello de Marín vén de presentar un novo portal web na que se poderá consultar todo sobre os lavadoiros da vila.
Trátase dun espazo funcional vencellado á cultura da auga e á idiosincrasia da nosa sociedade, e que seguen a ser moi utilizados por parte da veciñanza. Moitos deles teñen centos de anos de existencia pero pouco a pouco foron perdendo protagonismo fronte ás novas tecnoloxías e electrodomésticos.
Por iso e polo enorme valor cultural e patrimonial que ostentan estes espazos, o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, e a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, presentaron o novo portal web desde o lavadoiro Río de Casás, no que non só se renovou o panel indicador, senón que tamén se realizou unha intervención integral para renovarlle a súa cuberta e o seu acceso, e mellorar así a súa integración paisaxística.
No novo enderezo online (www.lavadoirosdemarin.com) os máis de 60 lavadoiros da vila contarán cunha ficha multimedia na que se pode ver unha galería fotográfica da imaxe actual de cada un dos lavadoiros, unha pequena descrición na que se detallan as características arquitectónicas, o emprazamento, un mapa con xeoposición e unha fotografía a 360 graos.
Os concelleiros coincidiron en sinalar na presentación da web a importancia de recabar todos estes datos, "de tal xeito que estean á disposición de toda a veciñanza ou daquelas persoas que teñan interese en coñecer máis sobre os nosos lavadoiros, a súa historia e todas as súas localizacións, para poder ir visitalos".
Tanto a renovación da sinalización dos lavadoiros como a creación deste portal web fixéronse con cargo a unha subvención para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra.