Benestar Social e Mocidade presenta unha programación con 20 actividades lúdicas e formativa
Por Redacción
Máis de vinte actividades, en materia de formación, lecer ou mantemento, forman parte da programación que, un ano máis, desenvolverá a Concellería de Benestar Social e Mocidade do Concello de Poio coincidindo coa chegada do outono e ata o comezo do verán de 2021.
A concelleira responsable desta área, a socialista Rosa Fernández, foi a encargada de presentar este venres na Casa Rosada a oferta, salientando que todas as iniciativas se levarán a cabo cumprindo coas medidas de seguridad e advertindo de que a programación estará suxeita á evolución da pandemia, polo que podería sufrir modificacións en caso de necesidade.
A Casa Rosa acollerá parte destas citas, entre as que se inclúe o taller de ximnasia para persoas da terceira idade. Haberá tres grupos diferentes e a cota será de 12 euros, preferiblemente a ingresar por trimestre.
As dependencias do centro social tamén serán escenario do obradoiro de corte e confección, os luns e mércores, cunha cota de 22 euros ao mes. Haberá, asemade, actividades gratuítas como o coro para maiores ou o grupo de teatro (neste caso, para participantes noutras edicións). Os bailes de salón, encaixes de bolillos ou o obradoiro de paquetería creativa completan a oferta nestas dependencias.
Mantense tamén o programa itinerante de Saudemente, destinado a persoas maiores. Esta é unha das iniciativas estrela da Concellería de Benestar Social, na que cada ano se inscriben máis de 100 persoas, cunha media de idade superior aos 80 anos. Durante o confinamento, o departamento non dubidou en enviar aos domicilios dos inscritos que mostraron interese exercicios e propostas para desenvolver nas súas casas.
A partir de outubro, cunha cota mensual de 10 euros, o obxectivo é retomar esta actividade nos seus puntos habituais, como son Raxó, Samieira, Combarro, Vilariño, Campelo ou A Seca. Ademais, en Campelo terá lugar un curso de cestería e o Xaime Illa de Raxó ofrecerá sesións de corte e confección, os sábados entre as 17.00 e as 21.00 horas.
Con respecto ao departamento de Mocidade, entre o 29 de setembro e o 1 de outubro terá lugar un ciclo para arranxar bicicletas, na finca da Casa Rosada e cunha cota de inscrición de 5 euros. Tamén se ofertan técnicas de traballo con coiro e clases de zumba.
Con respecto a formación, a Casa dos Guardeses será o escenario de cursos de técnicas de lecer ofertadas para persoas con discapacidade intelectual, de monitor de clases de memoria activa ou de mediador en igualdade.
Rosa Fernández explicou que as persoas interesadas en obter información sobre a programación pode asesorarse chamando á Casa Rosada (986872401). Ademais, este ano tamén se ofrece a posibilidade de anotarse por vía telefónica.
Darase prioridade nas inscricións á veciñanza de Poio. As persoas empadroadas no concello gozarán de descontos en varios obradoiros.