Instan o Sergas a cubrir as baixas de persoal facultativo no centro de saúde da Lama
Por Redacción
O sindicato Comisións Obreiras insta a cubrir as baixas do persoal facultativo no centro de saúde do concello da Lama.
Desde o xoves están sen ningún dos dous médicos titulares, pois un dos profesionais se atopa de vacacións ata o día 16, mentres que o outro está de baixa.
Isto, sumado á falta de pediatra, provoca que o centro de saúde unicamente dispoña nestes momentos de dúas enfermeiras e un PSX (persoal de servizos xerais).
A xerencia de Pontevedra enviará o luns un só médico que atenderá en horario de 10:00 a 13:30 e que deberá realizar as funcións dos outros dous, pero tamén atender as consultas infantís. Se fora precisa unha atención domiciliaria, o centro quedaría novamente sen persoal facultativo, o que pode complicar aínda máis o día a día e a atención a algúns domicilios pode demorar máis dunha hora.
CC.OO lamenta que a falta de reposta da xerencia de Pontevedra cause unha "sobrecarga" de traballo no resto do persoal, que ademais "debe dar a cara e ofrecer explicacións" á poboación da Lama pola demora nas citas.
Actualmente hai atrasos de máis de quince días para cuestións como partes de baixa e receitas.