As queixas veciñais en Pontevedra: do volume dun semáforo ao uso de mascotas nun espazo verde e unha nova praia fluvial na Canicouva
Por Redacción
As suxerencias e queixas da veciñanza de Pontevedra son tan variadas como a propia poboación e no segundo trimestre deste ano 2020 foron desde o volume dun semáforo da rúa da Estación á petición de que se prohiba que as mascotas usen un espazo verde en Campolongo ou suxestións para a construción dun sendeiro e unha praia fluvial na parroquia da Canicouva.
Este mércores 2 de setembro celebrouse a sesión ordinaria da Comisión de Suxestións e Reclamacións do Concello de Pontevedra, que por primeira vez presidiu o concelleiro do PSOE Iván Puentes, responsable de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, en substitución da ex edil Paloma Castro, que deixou o Concello para ser deputada no Parlamento de Galicia.
Ademais de Puentes, participaron os concelleiros do BNG Demetrio Gómez, Xaquín Moreda e Pilar Comesaña; os edís do PP Martín Martínez, Pepa Pardo e Gerardo Pérez Puga; a socialista Yoya Blanco; e o representante de Cidadáns, Goyo Revenga.
Durante os meses de abril, maio e xuño os cidadáns presentaron 16 queixas na oficina de información e atención ao cidadán e abordouse por esta vía o estado da súa tramitación.
Así, un cidadán queixouse polo funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar e a resposta municipal foi que aínda que na plataforma de horas pendentes de asignación da Xunta o Concello teña horas da modalidade de SAF dependencia sen asignar, este feito non pode producirse, xa que o límite do contrato administrativo está no seu tope máximo (cun pequeno marxe para situacións de urxencia). Outro fixo unha queixa pola información facilitada por parte do persoal adscrito ao Servizo de Benestar, que está pendente do informe da responsable da Oficina Técnica de Benestar.
Esta comisión tamén indicou que están en tramitación dúas suxestións de veciños, a relativa ao arranxo de muíños, construción de sendeiro, praia fluvial e páxina web na parroquia da Canicouva e outra relativa á normativa de accesibilidade das instalacións do centro Vithas Salud na rúa Eduardo Pondal.
Tamén houbo unha suxestión propoñendo facer una conexión peonil entre a rúa Santa Teresa de Jesús Jornet e a rúa Hortas, que o Concello terá en conta para os eu estudo; e outra para o estudo dunha alternativa á rede de saneamento no lugar da Ruibal, que foi remitida á empresa adxudicataria do contrato de abastecemento e saneamento do Concello de Pontevedra.
Ao cidadán que pediu a prohibición do uso de mascotas no espazo verde fronte ao edificio da Xunta en Campolongo esta comisión respondeulle facendo referencia ao bando das obrigas dos posuidores de animais, da creación de 2 novos parques caninos e das campañas de concienciación e da Policía Local.
Outras das queixas foron unha filtración nun trasteiro de augas pluviais procedentes da rúa Herminia Fariña, que está pendente do informe do xefe de Servizo; e o mal estado do pavimento na intersección das rúas Uxío Novoneira e Eduardo Pondal, que provocou un accidente ao veciño que se queixou e ao que o Concello deu conta das actuacións de mantemento dos espazos urbanos e no rural realizadas.
Ademais, un veciño reclamou a redución do importe do IVTM polas consecuencias da pandemia do coronavirus e o Concello respondeulle que as taxas municipais están conxeladas desde hai seis anos e nos últimos dez subiron por baixo do IPC 10 anos, e outro criticou o elevado volume e horario do funcionamento do semáforo da Rúa da Estación. Pedíuselle que se volve a ocorrer se poña en contacto coa central da Policía Local, para axilizar a solución.
Neste segundo trimestre tamén houbo dúas queixas polo funcionamento do servizo de cita telefónica do Concello e por unha persoa que non logrou contactar coa OTLI (Oficina Técnica de Licencias) entre as 13:45 e as 14:25 do día dous de xuño de 2020. As dúas xa foron atendidas. Nesta mesma liña, un cidadán queixouse polos requisitos de emisión de certificados dunha persoa menor no padrón municipal de habitantes