Carlos Troncoso e Belén Antolín recibirán o día 4 as 'Cebolas de Ouro'
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo recoñecerá o labor que vén desempeñando dende hai tres décadas o empresario hoteleiro Carlos Troncoso concedéndolle a 'Cebola de Ouro, insignia que o próximo día 4 lle impoñerá a alcaldesa durante o acto oficial que se desenvolverá, a partir das 13.00 horas, na praza dos Barcos e que estará enmarcado dentro da celebración da XXXI Feira da Cebola.
Tal e como sinalou Catalina González, a entrega deste galardón "está máis que xustificada pola importantísima labor empresarial que Carlos Troncoso desenvolve neste municipio creando numerosos postos de traballo e apostando por Sanxenxo, polo seu nome e pola súa calidade". Non en van, o homenaxeado é propietario do hotel Carlos I Silgar, do hotel Novo Astur e da axencia de viaxes Interrías, xestionando ademais dende hai dous anos o hotel Gran Talaso Sanxenxo.
A rexedora local destacou tamén que se trata "dunha persoa que, xunto coa a súa esposa Vilma, leva demostrando ano tras ano unha grandísima vocación social". Neste sentido, González recordou que o empresario "un dos de máis calado dentro deste concello e da provincia de Pontevedra, desprende unha gran sensibilidade cos colectivos municipais, especialmente con aqueles ligados ao deporte, colaborando cos principais clubs tanto de fútbol como doutras disciplinas".
O día da patroa Santa Rosalía -festivo local- a alcaldesa colocará tamén a 'Cebola de Ouro á directora de moda de Vogue España, Belén Antolín, "pola fidelidade e agarimo que amosa sempre a este destino no que cada ano, dende hai 26, goza do seu descanso estival xunto coa súa familia e, especialmente, pola súa contribución a difundir ás excelencias e a calidade de Sanxenxo a través da importante publicación na que desenvolve a súa labor así como nas redes sociais".
E é que Catalina González subliñou que "os veraneantes deste municipio son os nosos mellores embaixadores, como é o caso de Belén Antolín, que non dubida en cualificar nunha entrevista as praias de Sanxenxo como ás máis bonitas de España".
Esta madrileña, que dende 1999 desempeña o seu traballo nunha das revistas de moda máis prestixiosa do mundo, explica que o seu pai veraneaba no municipio nos anos 50. "Cuando éramos pequeños mi madre quiso ir al mediterráneo pero terminó huyendo de la masificación y, cuando yo tenía nueve años, volvimos a Galicia. Íbamos en Semana Santa y en verano dos meses todos los años. Desde entonces, no he dejado de ir ni un año", comenta na edición dixital de Vogue España.