O Concello investirá 425.000 euros en vías en Campañó e Alba e aparcadoiros en Marcón e Monte Porreiro
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Xunta de Goberno local aprobará na súa reunión do luns 26 de agosto catro obras públicas nas parrroquias de Campañó, Marcón e Alba, no rural de Pontevedra, e tamén no barrio de Monte Porreiro.
As catro actuacións suporán un investimento de 425.000 euros de fondos municipais e suporán actuar en vías e aparcadoiros, segundo adiantou o propio Concello.
Na parroquia de Campañó realizarase a rehabilitación integral da estrada de acceso e rúas interiores do lugar de Soutonovo e en Alba farase a mesma actuación na vía que une Silvoso e A Balea.
A obra de Marcón consiste en rehabilitar, tamén de xeito integral, o aparcadoiro do campo de fútbol, que era o último dos espazos públicos da parroquia que se atopaba pendente de axeitar.
O Goberno pontevedrés aprobará o plan de seguridade e saúde e o plan para a xestión de residuos de construción e demolición de obra para poder acometer o adecentamento do exterior do campo de fútbol e rugbi de Monte Porreiro.