Cuntis abre o prazo para participar no programa municipal de conciliación "Cuntilín"
Por Redacción
O Concello de Cuntis abre este mércores o prazo de inscrición para anotarse no programa municipal "Cuntilin" de conciliación familiar. Este prazo permanecerá aberto ata o día 8 de setembro (inclusive) e o día 9 darase a coñecer o listado de admitidos.
Segundo informa o Concello, o goberno municipal leva moitas semanas traballando de xeito intenso "para poder ofrecer o antes posible este servizo tan importante para as familias do municipio", a pesar de que actuais circunstancias sanitarias condicionaron e dificultaron o proceso de reactivación do programa.
Porén o inicio desta nova tempada levarase a cabo tendo como "prioridade absoluta" a seguridade dos nenos e nenas participantes polo que foi preciso introducir diferentes modificacións con respecto a anos anteriores.
Este luns tivo lugar unha nova reunión coa coordinadora da empresa que xestiona o servizo na que participou o alcalde, Manuel Campos e as concelleiras de Educación e Servizos Sociais, Concepción Campos e Ana Loureiro, xunto coa educadora familiar e a directora do colexio de Cuntis.
No encontro acordouse o adianto das actividades do Cuntilín ás 14.00 horas para facilitar que se poidan incorporar os nenos da primeira quenda de comedor dado que este ano como medida establecida pola pandemia o comedor terá dúas quendas.
Así, por cuestións de seguridade e espazo, cada neno só poderá permanecer en Cuntilín un máximo de 2 horas, sendo 60 o máximo de participantes por quenda. A primeira quenda terá lugar de 14.00 horas a 17.30 horas con preferencia para os nenos usuarios do comedor escolar e a segunda de 17.30 a 19.30 horas.
Estes horarios deberán cumprirse estritamente, debendo a familia optar por un deles no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, xunto coa solicitude deberán presentar asinada unha declaración xurada de compromiso de cumprir coas normas sanitarias vixentes en cada momento.
O programa Cuntilín está destinado a menores en idade escolar e abarca o curso académico 2020/2021, de luns a venres, dende o 10 de setembro de 2020 ata o final do curso escolar, a excepción dos períodos vacacionais de Nadal, Entroido e Semana Santa.
As solicitudes deberán presentarse persoalmente no rexistro do Concello de Cuntis ou a través da sede electrónica. Os impresos pódense recoller persoalmente en horario de mañá, de 9 a 14 horas, na OMIX, no Departamento de Servizos Sociais do concello ou nas oficinas xerais municipais. Tamén se poden descargar da sede electrónica ou solicitalos no enderezo educacionfamiliar@concellodecuntis.es .
O alcalde sinalou que Cuntilín é un programa "gratuíto e fundamental" para cubrir as necesidades en materia educativa, formativa e de conciliación das familias do municipio. "Por iso realizamos cada ano dun esforzo económico moi importante para levalo a cabo sen custe para as familias e, a pesar das dificultades introducidas pola pandemia cumprimos o compromiso de reactivalo adaptándoo ás circunstancias sanitarias", indicou o alcalde.
"É un programa irrenunciable para o goberno e un reflexo claro da aposta do Concello polas políticas sociais", afirma Campos.
O Concello asume o 83% do orzamento destinado a este programa mentres o 17% se financia pola Xunta de Galicia a través do Fondo Social Europeo.
Relacionadas:
-
Co verán, volve o Cuntilín, que facilita a conciliación con 80 nenos de Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntilín Nadal volve a Cuntis para facilitar a conciliación familiar nestas datas
Por Redacción |
-
Acondicionamento e desinfección do CPI Don Aurelio de Cuntis ante o inicio do curso escolar
Por Redacción |
-
Cuntis investiu este ano 105.000 euros en programas educativos e axudas ao estudo
Por Redacción |