Un condutor dáse á fuga tras provocar un accidente que deixaba feridos a dous adultos e un neno en Portas
Por Redacción
Dous adultos e un menor resultaban feridos na noite deste domingo cando se producía un accidente múltiple na estrada EP-8004 no punto quilométrico 21.00 ao seu paso polo municipio de Portas.
Neste accidente que se rexistraba ao redor das 21.35 horas víanse implicados catro vehículos. O causante da colisión dábase á fuga, segundo alertan os servizos de Emerxencia de Cuntis que acudiron ao lugar para atender ás vítimas. O vehículo en que viaxaban os feridos sufría graves danos en toda a parte frontal e outro turismo saía da vía rematando nun terraplén.
Segundo testemuñas presenciais, o condutor que provocou o accidente pilotaba un coche deportivo de cor branca e circulaba a unha velocidade excesiva nese tramo. A Garda Civil abriu unha investigación para detectar ao infractor.
Ata o lugar desprazábanse integrantes do Servizo de Emerxencias do Concello de Cuntis, Protección Civil de Portas, axentes da Garda Civil de Tráfico e dúas ambulancias do 061.