Arrestan unha parella de carteiristas que actuaron durante as festas da Peregrina
Por Redacción
Unha parella, formada por dous veciños de Cantabria, un home e unha muller, de 21 e 25años de idade, con numerosos antecedentes policiais por feitos similares, foron detidos pola Policía Nacional o pasado mércores 21, sobre as 20.30 horas, na rúa Benito Corbal. Os axentes identificáronos como os presuntos autores de diversos delitos e faltas de furto.
Segundo informan dende a Policía, estes individuos "formarían parte dun grupo itinerante, composto por membros da mesma familia, dedicado á comisión de furtos ao descoido, desprazándose por todo o territorio nacional, e aproveitando as aglomeracións de xente con motivo do incremento poboacional turístico, a celebración de festas patronais, grandes eventos deportivos e espectáculos públicos".
Os feitos esclarecidos aconteceron este mes de agosto. O pasado día 21, sobre as 20.30 horas, alertábase na Comisaría, da comisión dun furto nun establecemento comercial, sito na rúa Sagasta, na que ao descoido, a dous clientas lles terían subtraído as súas carteiras.
Os devanditos individuos foran identificados como autores doutros feitos, acaecidos entre os días 1 e 21, nos que con similar modus operandi se apoderaron de carteiras e outros efectos en establecementos comerciais, de hostalaría e alimentación a clientes destes.
Presúmeselles autores dun total de 18 furtos (delitos e faltas), dos cales practicamente a totalidade destes sucederon nesta capital, salvo un acaecido en Torrelavega (Cantabria).
Unha vez tramitado o correspondente atestado policial, os detidos foron postos a disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra. A investigación segue aberta en relación aos restantes integrantes do citado grupo criminal.