O Grove anuncia man dura contra os actos vandálicos e estuda instalar cámaras de vixilancia
Por Redacción
O Concello do Grove sufriu a pasada fin de semana varias accións vandálicas que causaron graves estragos no Monte Central e na zona do Redondo e estuda xa tomar medidas para poñer fin a este tipo de comportamentos.
Así, segundo informou o Concello a través dun comunicado, estudan adiantar medidas previstas para os vindeiros meses, como a colocación de cámaras de vixilancia en determinadas zonas.
Ademais, dende o Concello solicitóuselle á Policía Local que actúe co máximo rigor ante estes comportamentos que non poden ser permitidos en ningunha ocasión e que, ademais, resultan máis graves tendo en conta que se actúa aproveitando o horario de peche decretado debido á pandemia, o que fai que as persoas se retiren das rúas moito antes do que sería habitual nesta época do ano.
Segundo as primeiras indagacións, estes actos foron obra de grupos de mozos, na súa meirande parte visitantes na localidade.
Amais de causar graves estragos no Monte Central e na zona do Redondo, roubaron plantas e danaron xardíns no centro da vila.