Queixas polo estado dos restos de dúas vivendas na rúa Méndez Núñez de Marín
Por Redacción
Veciños de Marín denuncian a situación dos restos de dous edificios que se atopan na rúa Méndez Núñez. Afirman que se iniciou a derriba destes inmobles por parte dunha empresa e, antes de finalizar os traballos, deixaron as fachadas das dúas edificacións en pé apontoadas con parapetos.
Na contorna desta zona, os residentes mostran o seu malestar porque descoñecen os motivos que levaron a que a obra de demolición se paralizara e polo perigo que supón esta situación para calquera persoa que circule por esta contorna ante o perigo de derrubamento. Esa beirarrúa atópase inhabilitada polos valos e polo material que sostén as fachadas.
As persoas afectadas definen esta situación como "deplorable" e "vergoñenta". Reclaman do goberno local unha intervención para que se resolva esta situación que leva un ano neste estado sen que ninguén ofreza solucións.