Marín mellora a sinalización e reforza o material de salvamento nas praias con Bandeira Azul
Por Redacción
O Concello de Marín acaba de rematar os traballos de mellora dos servizos que presta nas praias do municipio que contan con Bandeira Azul: Portocelo, Aguete, Mogor, Loira e O Santo.
Estes traballos realizáronse en resposta ás recomendacións de Adeac, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor que se encarga de outorgar estes distintivos e que cada ano realiza unha inspección para comprobar que se cumpre con todos os requisitos necesarios para renovar este certificado de calidade medioambiental.
Segundo informa o Concello, as melloras solicitadas por Adeac estaban sobre todo orientadas a cuestións de sinalización e de dotación de algunhas unidades de reposto de determinados materiais relacionados co servizo de Salvamento e Socorrismo. Tamén adianta que de cara ao ano que vén renovaranse algúns paneis para actualizar datos que quedan obsoletos.
Así mesmo, Adeac recomendou ao Concello a eliminación definitiva das papeleiras dos areais e deixar só as do paseo, tal e como se fixo este ano pola Covid-19. O Concello mostrou a súa conformidade neste tema, e agradece a excelente acollida dos usuarios, xa que a resposta foi moi satisfactoria.
Este ano, o esforzo económico aumentou considerablemente, dadas as necesidades que derivaron da situación sanitaria. Entre as novas medidas que se adoptaron destaca a intensificación das limpezas ou a posta en marcha dunha ferramenta de control en tempo real do aforo dos areais. En total, a inversión deste ano ascendeu a cerca de 300.000 euros.