Nin a choiva nin a pandemia frean as ganas de coñecer 'Pontevedra polos catro costados'
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/bad/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5f3d5105af-multiaventura-iii.jpeg)
© Concello de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2cd/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5f3d5125b5-multiaventura-iv.jpeg)
© Concello de Pontevedra
Andainas, percorridos en bicicleta, rutas en kaiak, e paseos polas terrazas máis emblemáticas da cidade centran esta semana a actividade 'Pontevedra polos catro costados', que se desenvolve no marco do programa Ponteverán e que desde o luns está a realizarse con normalidade a pesar do mal tempo e das restricións derivadas da pandemia do coronavirus.
A actividade conta coa participación de 18 rapaces, que este mércores partiron do centro histórico en dous grupos para percorrer en bicicleta a cidade ata a Illa das Esculturas, onde se realizaron diferentes xogos deportivos.
Os participantes están a coñecer a cidade desde distintas perspectivas. O luns realizaron xogos polas diferentes prazas, aproveitando especialmente o abrigo dos soportais, e o martes subiron ás terrazas máis emblemáticas da cidade.
O programa continuará ata a fin de semana. Este xoves está previsto que percorran o río Lérez en kaiak e o venres haberá unha ruta urbana na contorna do río Gafos ata chegar a Tomeza.
O programa Ponteverán organizado pola Concellaría de Xuventude do Concello de Pontevedra favorece o desenvolvemento persoal con valores positivos de inclusión, respecto, creatividade, hixiene, esforzo e igualdade e nesta edición todas as actividades se realizaron atendendo á situación sanitaria, establecendo normas de prevención e medidas de hixiene e distanciamento social, grupos reducidos e priorizarando actividades ao aire libre.