A área sanitaria alcanza os 75 casos activos de coronavirus, ningún hospitalizado
Por Natalia Puga
Cinco novos positivos por coronavirus na última xornada elevan a un total de 75 o número de casos activos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Segundo a última actualización de datos do Servizo Galego de Saúde, este martes 18 de agosto non se contabiliza ningún paciente curado e os 75 casos activos son pacientes que se atopan en seguimento domiciliario.
Así, a área sanitaria mantense sen pacientes con Covid-19 ingresados en planta ou en área de coidados críticos nos distintos hospitais.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 935 pacientes e faleceron por este virus na área sanitaria 17 pacientes, o último durante a fin de semana.
Este incremento de casos activos tamén se rexistrou na última xornada no resto de Galicia. Así, en toda a comunidade hai 1.505 casos activos de coronavirus, 105 máis que os 1.400 que se contabilizaban o luns.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que aumentaron todos datos xerais en Galicia e en todas as áreas sanitarias. A Coruña é a de maior incidencia e hai este martes 921 casos, 30 máis que o luns; en Ourense, hai 131 casos, 17 máis que o luns; en Santiago aumentaron os positivos en catro, pasando de 63 a 67; en Ferrol hai seis casos máis, pasando de 53 a 59; en Lugo creceron tres, de 110 a 113; e en Vigo o incremento foi de cinco casos, pasando de 134 a 139.
Do total de pacientes positivos, 6 permanecen en UCI, 55 en unidades de hospitalización e 1.444 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.625 persoas curadas, rexistrándose 625 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 283.781 e hai 16 casos activos vinculados a centros residenciais. Así, dos 1.505 casos activos, 11 son usuarios e cinco son profesionais de centros residenciais.
Relacionadas:
-
A curva dispárase na área sanitaria: 27 novos positivos por Covid e 120 casos activos
Por Diego Espiño |
-
Sobe a dous o número de pacientes de Covid na UCI de Montecelo, con 96 casos activos na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Descenden ata os 80 casos activos de coronavirus en Pontevedra mentres seguen a subir no resto de Galicia
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra e O Salnés volven a cifras de mediados de maio tras 14 novos positivos por Covid, con 84 casos activos
Por Diego Espiño |