O centro de saúde do Grove recibe reforzos e pasa de un a catro médicos
Por Redacción
O centro de saúde do Grove recibiu este luns reforzos que remataron coa situación preocupante na que estivo nos últimos días. A semana pasada quedou cun só médico pola coincidencia de baixas e vacacións, pero desde este luns 17 de agosto o persoal incrementouse e pasou a ter catro profesionais.
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés cubriu, desta maneira, catro das cinco ausencias, que nos últimos días afectaron á actividade asistencial do centro de saúde.
Segundo a información facilitada pola área sanitaria, o centro mantén unha dotación de profesionais sanitarios para este centro de saúde que acada os sete médicos de familia, 2 pediatras e 7 efectivos de Enfermaría.
Este centro de saúde atende preto de 11.000 habitantes, aos que hai que sumar os turistas que cada verán se desprazan ao municipio. Desde a área sanitaria sinalan que polo incremento poboacional do turismo nesa área, o Servizo Galego de Saúde reforza dende o 1 de xullo cada verán o centro de saúde de O Grove cun médico e un efectivo de Enfermaría máis.
Este ano, a pesar da diminución do turismo, mantívose dito reforzo, de xeito que actualmente cóntase cun médico e un enfermeiro máis, pero a maiores deuse unha situación de baixas e vacacións que non se cubriron e que provocaron problemas asistenciais.
Desde a área sanitaria explican que no mes de xuño, cando xa estaban ofertadas as substitucións de vacacións para este ano, un dos médicos presentou unha incapacidade temporal, na que continua actualmente, e a semana pasada, outro dos facultativos que estaba a traballar no centro de saúde tivo que ausentarse da actividade de xeito repentino por unha cuestión persoal urxente.
O pasado 12 de agosto non acudiu a traballar un dos médicos, anunciando esa mesma mañana que presentaría unha baixa laboral, polo que os seus pacientes –aos que non se lles puido atrasar a cita ou a súa asistencia/valoración- tiveron que ser atendidos polos médicos que quedaban no centro de saúde de O Grove.
Ese mesmo día, sobre as 13 horas, outra facultativo notificou problemas de saúde e abandonou o seu posto de traballo, xerando que os seus pacientes foran atendidos pola outra compañeira, quen, a súa vez, o día 13 de agosto tampouco acudiu ao seu posto de traballo, polo que tampouco se puido avisar aos pacientes que tiñan cita con ela, para darlles unha nova.
A Dirección explicou que, dada a premura, tentou cubrir as ausencias sobrevidas de xeito repentino, poñéndose en contacto cos profesionais doutros centros de Atención Primaria, para poder cubrir as indidencias, ben mediante substitución, intersubstitución ou prolongación de xornada.
A pesares da concorrencia de todas estas circunstancias e das queixas que se realizaron desde a cidadanía e desde o propio Concello, fontes oficiais da área sanitaria sinalan que durante a presente semana garántese a cobertura de Atención Primaria con 4 ou 5 médicos e 7 enfermeiras máis o reforzo.
No que atinxe aos cupos de Médicos de Familia e de Pediatría do centro de saúde de O Grove, a área sanitaria sinala que nos últimos anos veu diminuír o seu volume, dende as 11.200 Tarxetas Sanitarias no ano 2015 ata as 10.974 que atende dito centro na actualidade, mantendo o mesmo número de profesionais.