A Xunta marca como "prioritario" o novo centro de saúde para O Grove
Por Redacción
O novo centro de saúde que a Xunta de Galicia prevé construír no Grove será considerado como un proxecto "prioritario" para o goberno galego, segundo lle garantiu Alberto Núñez Feijóo ao alcalde do municipio, José Cacabelos.
Ambos os dous dirixentes mantiveron este martes unha xuntanza de traballo na delegación da Xunta en Vigo para abordar, entre outras cuestións, o estado de tramitación para este novo centro de saúde, que está pendente da cesión da parcela por parte do Concello.
Estas novas instalacións enmarcaríanse no plan de infraestruturas sanitarias que está a elaborar o goberno galego.
Durante a xuntanza tamén se abordou a tramitación do novo PXOM, que está a piques de ser aprobado e para o que O Grove recibiu axudas da Xunta; ou asuntos relacionados co abastecemento de auga e a necesidade de actuar sobre a rede xeral.
No eido das infraestruturas viarias, o titular do goberno galego avanzou a intención da Xunta de executar o vindeiro ano o reforzo de firme no treito A Lanzada - O Grove, na PO-316.
Nesta liña, xunto coas melloras efectuadas no pavimento da Autovía do Salnés, Núñez Feijóo destacou o beneficio para O Grove da execución dun novo carril cara á glorieta da PO-504 en Sanxenxo, que comezará no mes de setembro para evitar a afección ao tráfico no verán.
Ademais, o presidente da Xunta tamén sinalou que os técnicos autonómicos seguen a analizar as alternativas ao desdobramento da vía rápida entre Sanxenxo e A Lanzada.
Relacionadas:
-
Situación "límite" da Atención Primaria no Salnés con centros de saúde "a piques do colapso"
Por Alejandro Espiño |
-
Piden unha carpa na entrada do centro de saúde do Grove como sala de agarda
Por Oskar Viéitez |
-
O centro de saúde do Grove recibe reforzos e pasa de un a catro médicos
Por Redacción |
-
O Grove reitera as queixas diante do "total abandono" do centro de saúde do municipio
Por Redacción |