A aplicación Percegurú permitirá aos percebeiros coñecer as condicións do mar consultando o móbil
Por Redacción
A aplicación móbil Percegurú permitirá que, a partir de agora, os percebeiros conten cunha nova ferramenta para consultar directamente desde o móbil cales son as condicións do mar na zona na que van traballar para a recollida de percebes.
Trátase dunha iniciativa da Consellería do Mar coa intención de apoiar o traballo deste sector profesional e evitar situacións de risco achegando información básica sobre as condicións oceanográficas e atmosféricas de cada zona.
Ata o de agora, desde o ano 2012, este sector contaba cun formato web ao que podían aceder a través da páxina do Intecmar. Esta opción foi mellorada en 2018 cunha ampliación dos graos de risco de actividade por zona de traballo e actualizouse a información automaticamente sen que se rexistrasen interrupcións durante os fins de semana.
Segundo expoñen desde a Consellería do Mar, a aplicación Percegurú permitirá coñecer con tres días de antelación e de forma sinxela a ondada e o horario local das mareas; ademais da temperatura ambiente e da auga; intensidade e dirección do vento; forza e estado do mar con dirección, frecuencia e altura das ondas.
Esa altura das ondas será o factor determinante para reflectir sobre un mapa o grao de risco para os profesionais do mar. Se aparece unha luz azul, as ondas non superarán o metro de altura; se é verde situaranse entre un e dous metros; amarelo, alcanzarán entre dous e tres e se a luz figura de cor vermella é que superarán os tres metros.
Toda a información xérase de forma automática a partir de modelos numéricos e estatísticos de predición meteorolóxico a través de Meteogalicia cun postprocesado do que se encarga o Intecmar (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño. A información actualizarase diariamente.
A aplicación Percegurú xa se atopa dispoñible para dispositivos con sistema Android e desde a Xunta están a traballar para presentala tamén en formato IOS. Pódese descargar de maneira gratuíta a través de Play Store.