O PSOE sospeita que o PP de Vilagarcía se beneficiaba das subvencións á asociación do dimisionario edil de Cultura
Por Redacción
A dimisión do concelleiro Francisco González non frea as denuncias do PSOE de Vilagarcía que anuncia a súa intención de seguir investigando as actividades da asociación xuvenil Dobre Espazo por entender que o PP local podería terse beneficiado das subvencións a esta asociación que presidiu o exconcelleiro de Cultura.
Os socialistas denunciaron que esta asociación xuvenil recibiu da Xunta unha subvención de 4.500 euros por un acto que, ao seu xuízo, "nunca se celebrou". O que era concelleiro de Cultura e Xuventude anunciou este martes a súa renuncia ao cargo polo "desgaste persoal" que lle supuxeran as "falsas acusacións" deste partido.
A voceira do PSOE, Tania García, afirmou en rolda de prensa que esta subvención podería supoñer a "punta do iceberg" de "un posible financiamento do PP, neste caso de Vilagarcía, a través de subvencións públicas".
Por iso, anunciou que, a través da deputada autonómica Patricia Vilán, solicitarán á Xunta máis expedientes co obxecto de constatar se o PP "se beneficiaba das subvencións" que percibía Dobre Espazo, asociación que segundo García recibiu "máis de 150.000 euros de subvencións públicas".
Os socialistas móstranse convencidos de que o secretario local e alcalde do municipio, Tomás Fole, "consentiu e alentou estas actividades".
Francisco González tamén presidiu a federación de asociacións xuvenís Fexuga, e dáse a circunstancia de que as asociacións que conforman esta federación "perciben máis do 50 por cento das axudas" "en materia de asociacionismo xuvenil da Xunta" dixo Tania García sinalando que "moitas" destas asociacións están "vinculadas ao PP".
"Cremos que podemos estar ante un presunto caso de obtención de subvencións públicas para o financiamento do PP e de Novas Xeracións", concluíu a voceira socialista.