Desacordo na corporación municipal de Marín sobre as medidas para garantir o inicio do curso escolar
Por Oskar Viéitez
O goberno local presentou este xoves, no Pleno Municipal, unha proposta moción conxunta sobre as medidas a realizar para garantir o inicio do curso escolar, engadindo propostas realizadas polos grupos de oposición presentes na corporación municipal. Pese a esta proposta de moción alternativa os grupos municipais non chegaron a un acordo.
Dende o grupo de goberno destácase que o obxectivo era concretar o traballo real necesario no que se involucrarían os equipos directivos dos centros, as Anpas e os grupos políticos acudindo aos diferentes centros analizando as circunstancias de cada un. Non é o mesmo un centro con matrículas elevadas, centros unicamente de infantil ou de primaria e infantil, centros do rural ou con dispoñibilidade de transporte público.
O voceiro do grupo municipal socialista Manuel Pazos lamentou que "amosamos xa moitas veces a nosa capacidade de chegar a acordos, pero neste caso foi imposible".
Segundo o portavoz do PSOE, "aprobar o texto proposto polo PP era o mesmo que non aprobar nada" xa que entende que "a moción carece do máis mínimo compromiso hacia as ANPAS e para garantir a prestación de servizos esenciais como o comedor ou plan madruga".
Manuel Pazos sinalou que a proposta aprobada finalmente cos votos do PP recollía só dúas cuestións; "ou as que xa son obrigatorias polo Protocolo da Xunta ou continuar facendo o mesmo que se fixo nos últimos anos. Nada á altura do dificilísimo ano que temos por diante".
Pola súa banda, a portavoz do BNG, Lucía Santos Omil expicou que para o seu grupo era "esencial" deixar claro o rexeitamento ao protocolo covid-19 feito pola Xunta para o ensino "xa que recolle de maneira clara e unánime o posicionamento das ANPAS así como das organización sindicais do ensino".
Ao seu xuízo, a moción debería ser recoller e trasladar as necesidades que dende as ANPAS e profesorado están demandando para a mellora do protocolo de prevención.