Pontevedra é a provincia máis cara de España para asegurar o coche
Por Oskar Viéitez
A provincia de Pontevedra é a máis cara de España á hora de asegurar o vehículo, segundo os datos ofrecidos polos portais de Internet especializados Acierto.com e Rastreator.com.
A pesar de que dende a Subdelegación do Goberno de Pontevedra se insistiu o pasado mes de maio no descenso dos índices de sinistralidade viaria na provincia, os pontevedreses enfróntanse a tarifas que dobran ou mesmo triplican o prezo que se paga noutros puntos de España.
Cinguíndonos ao ámbito autonómico Pontevedra segue sendo, como en 2012, a provincia máis cara onde asegurar o coche, tanto a todo risco como a terceiros. En cambio, A Coruña perfílase como a provincia galega máis barata para contratar unha póliza a terceiros, mentres que para un seguro a todo risco, é Ourense.
Durante os tres últimos anos a comparativa baseouse en varios criterios como a elección de condutores que viven nas principais rúas de cada capital: A Coruña (Avda. Mariña), Lugo (Rua Miguel de Cervantes), Ourense (Rúa Progreso) e Pontevedra (Rúa Echegaray), con 10 anos de experiencia ao volante e que utilizan o coche máis vendido no ano 2011 e no 2012, o Renault Megane. Tomouse coma referencia o prezo máis caro que pode conseguirse en cada caso para calcular a cidade máis cara.
O prezo máximo das pólizas a todo risco diminuíu unha media de 13% en comparación con 2012. Esta porcentaxe supón unha diferenza media de ata 1.927 euros con respecto ao mesmo período do ano anterior. Deste modo, o prezo máximo polo que pode contratarse unha póliza a todo risco sitúase en 2.463 euros de media para toda a comunidade galega.
Pola súa parte, o prezo mínimo e o prezo máximo do seguro a terceiros diminuíron un 9% e un 22%, respectivamente, en relación co ano anterior. O prezo mínimo polo que se pode asegurar o coche a terceiros en Galicia rolda os 198 euros.