Adxudicadas as obras de reforma do antigo ximnasio da ONCE
Por Redacción
A mesa de contratación vén de aprobar a proposta de adxudicación das obras de reforma do antigo ximnasio da ONCE á empresa Construcciones Ramírez que presentou unha oferta por 430.691 euros. Para esta actuación foran 7 as empresas que presentaran ofertas para executar unha actuación que se licitaba por 448.637 euros.
O proxecto, que ten un prazo de execución de seis meses, consiste en realizar as obras necesarias para mellorar o consumo e o comportamento enerxético do edificio, o que implica diversas actuacións, sobre todo na cuberta, para aforrar enerxía eléctrica e térmica e garantir as condicións axeitadas para as actividades deportivas que acolle.
O edificio presenta, na actualidade, problemas de humidade e condensación por falta dunha ventilación adecuada, polo que a maior parte dos traballos se centrarán na modificación do tellado e da fachada. Así, aplicaranse solucións técnicas para mellorar o comportamento da envolvente da cuberta, a mellora da eficiencia e a redución do consumo enerxético eléctrico co cambio de luminarias, e outras actuacións encamiñadas a mellorar a eficacia da climatización.
A reforma do antigo ximnasio da ONCE acométese para dotar esta infraestutura das condicións necesarias para acoller a práctica e adestramento de deportes como taekwondo ou esgrima, que están a ter un gran seguimento e repercusión na cidade grazas aos éxitos que nestas disciplinas están acadando os clubes e deportistas pontevedreses.
A reforma do antigo ximnasio da ONCE está enmarcada nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) "Máis Modelo Urbano Pontevedra".