Os veciños da parcelaria de Godos poderán tomar posesión dos seus predios de substitución o 15 de novembro
Por Redacción
O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, vén de autorizar a toma de posesión provisional dos novos predios da reestruturación parcelaria de Godos, no concello de Caldas de Reis.
Desta forma, a Consellería do Medio Rural dá un paso máis no desenvolvemento deste proceso, cun trámite que permitirá aos veciños acceder aos predios de reemprazo o vindeiro 15 de novembro.
Esta reorganización do territorio beneficia a 599 propietarios, que contaban ao inicio do proceso con 3.548 parcelas, nunha superficie total de 388 hectáreas. A día de hoxe hai 1.159 predios de reemprazo, cun redimensionamento que lles permitirá aos titulares facer os seus terreos máis operativos e competitivos.
A Consellería do Medio Rural leva investidos un total de 2,8 millóns de euros neste proceso, contemplando tanto os traballos nas redes de camiños principais e secundarios (de case 30 quilómetros de extensión) como o acondicionamento de predios, xunto coas asistencias técnicas necesarias para levar adiante a reorganización. Os principais aproveitamentos desta parcelaria de Godos son o eucalipto e o piñeiro, na zona forestal, e a horta, o millo e o viñedo (da Denominación de Orixe Rías Baixas) na zona de labradío.