Vilagarcía inicia a segunda semana de festas co concerto de Efecto pasillo
Por Redacción
As festas patronais de Vilagarcía entran na súa segunda semana de actos cun programa no que haberá distracción e ofertas para todos os públicos e para todos os gustos. O concerto do grupo revelación de 2012, Efecto Pasillo, será o prato forte da xornada do martes, tras a cal haberá unha longa lista de atractivas ofertas como Cine na rúa, Feira das Tapas, Mercado pirata ou Noite das Meigas.
O programa do martes ábrese cos pasarrúas que ofrecerá ao longo do día o grupo de gaitas Airiños do Carril que manterá o ambiente festivo nas rúas da cidade.
A música pop será a protagonista do día con dúas ofertas diferentes. A primeira cita será ás 22:00 horas no parque da Xunqueira co concerto gratuíto dos canarios "Efecto pasillo", un dos grupos revelación do ano 2012, especialmente a raíz da súa canción Pan y mantequilla.
A segunda terá lugar na Praza do Castro, onde a partir das 23:00 horas, a Duendeneta ofrecerá unha sesión "revival" centrada na música pop e rock das décadas dos 70 e 80.
O mércores inaugurarase o mercado Pirata que se manterá nas rúas da cidade ata o domingo 25. O cine de "Fantasio na rúa", que se iniciou o domingo, proseguirá ao longo da semana coas proxeccións das películas Las aventuras de Tintín o mércores; e La isla de los recuerdos y el espejo mágico, o venres. Tamén o venres dará comezo unha nova edición da Feira das tapas e o sábado celebrarase a Noite das Meigas.
A oferta da semana inclúe danza a cargo do grupo Perla de Arosa e folclore co Festival de Baile Tradicional malveiras. Tamén haberá música moderna coas actuacións dos grupos locais Turboláser e 7 Setenta, así como festa ibiceña amenizada pola Duendeneta e unha sesión dos Dj's The Bay View.
Desfile de calesas e a tradicional batalla de flores son outros dos eventos que se celebrarán ao longo destes días para continuar a celebración das festas patronais de San Roque 2013.
Relacionadas:
-
Vilagarcía suspende o Mercado Pirata ante o escaso número de feirantes inscritos
Por Redacción |
-
Espectacular Combate Naval pirotécnico dedicado ao Centenario de Vilagarcía
Por Aitana Vidal |
-
Aquí non chega!!! Aquí non chega!!!: a Festa da Auga tamén en Twitter
Por Redacción |
-
O barrio de San Roque en Vilagarcía celebra a festa de 'San Roquiño o pequeno'
Por Aitana Vidal |