Caldas inicia os programas municipais de conciliación
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis deu inicio ás iniciativas especiais de conciliación familiar para o verán 2020 conformadas polo programa "Conciliaverán" e o campamento urbano. No primeiro caso, as actividades desenvólvense dende o 15 de xullo e prolongaranse ata o 15 de setembro no Fogar do Maior, mentres que o campamento se iniciou este luns e rematará o próximo día 31 coa participación de 22 nenos. O obxecto de ambas propostas é o de ofrecerlles aos pais e nais alternativas para que poidan conciliar durante este verán a vida laboral e familiar.
O Goberno Local asegura que está a realizar "un gran esforzo en materia de conciliación" nun escenario marcado pola Covid-19 que fai moi importante levar a cabo unha programación completa que cubra as necesidades dos nenos así como as das familias de forma segura e hixiénica, buscando un equilibrio entre o lúdico e o educativo.
O programa "Conciliaverán", finánciase con cargo a unha achega da Deputacion de Pontevedra pola que se subvencionan actividades de apoio ás familias para facerlle fronte ao impacto da Covid-19 durante o 2020. É xestionado pola concellería de Benestar Social e Igualdade e as familias poden continuar inscribindo aos seus fillos por días e horas de maneira totalmente gratuíta dependendo das súas necesidades. Celébrase no Fogar do Maior de 09.00 a 14.00 horas e vai dirixido a menores de entre 3 e 12 anos. Para participar, os proxenitores teñen que cubrir unha solicitude no propio Fogar do Maior. Para máis información sobre o programa tamén poden chamar aos teléfonos 664 821 569 ou 986 530 814. As actividades que se desenvolven ao abeiro desta iniciativa son de carácter lúdico, de reforzo educativo, artísticas, creativas, tecnolóxicas e lingüísticas, inculcando de forma práctica conceptos e valores desta nova normalidade de modo distendido para que os nenos poidan divertirse.
Polo seu lado, o campamento urbano de Caldas de Reis é unha actividade xestionada pola Concellería de Cultura e Xuventude que busca favorecer a participación dos rapaces en múltiples actividades cun forte compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e o tempo libre. O prazo de inscricións xa está pechado. O horario das actividades incluídas no campamento é de 10.00 a 13.00 horas pola mañá e de 16.00 a 19.00 horas polas tardes. O lugar de chegada e recollida dos cativos establécese no Auditorio Municipal de Caldas e as actividades teñen lugar en diferentes espazos verdes da localidade. O campamento tamén busca contribuír ao desenvolvemento integral dos nenos mediante a aprendizaxe permanente, a participación, o compañeirismo e a convivencia, así como a integración da infancia sexa cal sexa a súa condición persoal, sociocultural ou económica.
Ambas iniciativas lévanse a cabo coas adaptacións necesarias, tanto no aforo, como no ámbito das actividades e nas instalación co obxectivo de velar pola seguridade dos participantes e pola calidade da programación. A organización asume e implementa tódolos protocolos establecidos tanto polo Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade sobre campamentos e actividades de ocio, obrigando tamén aos participantes a cumprir as medidas hixiénicas de carácter persoal.