O choco estará en veda na ría de Arousa do 1 de agosto ao 31 de outubro
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia publica este venres a resolución da Consellería do Mar pola que se establece a veda para a pesca do choco na ría de Arousa, que entrará en vigor o 1 de agosto e prolongarase ata o 31 de outubro, ambos os días incluídos.
Trátase dunha decisión que se suma ás xa adoptadas nas rías de Pontevedra e Vigo para esta especie, xa que en ambos os dous casos a prohibición da súa extracción comezou o 13 de xullo e prolongarase ata o 30 de outubro.
Deste xeito, sinala a Xunta, queda prohibida neste período a captura, tenencia a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie con calquera das artes e tamén para a pesca marítima de recreo en augas interiores.
É a segunda vez este ano que a administración autonómica decreta a medida nesta ría, adoptada tras a solicitude da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e tras comprobar a súa viabilidade biolóxica.