Cuntis retoma os 'Días Doces' con descontos no comercio local
Por Redacción
A campaña promocional do comercio local de Cuntis 'Días Doces' volve ao municipio termal despois da crise sanitaria.
Esta iniciativa, impulsada por Cuntis Comercial Vila Aberta (CUCOVA) co apoio do Concello, ofrecerá importantes descontos en 7 establecementos comerciais os días 23 e 24 de xullo.
Nesta ocasión só participarán comercios de moda, calzado ou deporte e farano ofrecendo rebaixas durante dous días completos cando antes as promocións eran de só unhas horas.
O que impedirá o coronavirus é a organización paralela de actividades e espectáculos de dinamización na rúa, debido á complexidade para poder facer cumprir as medidas de aforo e seguridade.
"Esperamos que a xente se achegue e aproveite a ocasión para renovar vestiario ou darse un capricho á vez que axuda á reactivación do comercio local", explicou Rafael García, representante de CUCOVA.
Os comercios participantes son: El costurero de Lia, Botino&Tocoo, Calzados Mapi, O rincón das burgas, Mi Vestidor Azul (MVA), Chocosport e Gloss. Todos ofrecerán entre as 10.00 e as 14.00 horas e as 17.00 e as 21.00 horas do xoves e venres descontos e rebaixas que oscilarán entre o 30 e o 70%.