Remata a mellora da estrada Marín-Penizas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra dá por rematadas as obras de mellora da drenaxe lonxitudinal na estrada provincial EP-1201 entre Marín e Penizas, ao seu paso polo lugar de Castro, unha actuación na que se realizou un investimento de 50.000 euros.
A institución provincial procedeu á limpeza de ambas marxes da estrada e á instalación de drenaxes e saneamentos nun tramo situado entre A Brea e A Porteliña.
Ademais, canalizáronse as augas pluviais nas marxes da estrada cun colector e cuneta practicable de formigón para mellorar a drenaxe lonxitudinal nun tramo de 510 metros.
Estas obras foron continuación das realizadas con anterioridade na estrada EP-1201 para incrementar a súa seguranza viaria, enmarcadas no modelo de mobilidade segura da Deputación.