Un verán máis con problemas de abastecemento de auga en Marín
Por Redacción
Chegou agosto e Marín presenta, un verán máis, problemas de abastecemento de auga. Os veciños das zonas de Mogor e Seixo sofren as consecuencias da falta de presión na rede.
As zonas afectadas son, fundamentalemente Chan do Monte, Mogor, Aviador Calviño, a parte alta do Matadoiro Municipal e Camiño Vello de Seixo. Son puntos poboacionais abastecidos coa auga do depósito situado en Cadrelo, que se abastece exclusivamente con auga procedente de minas e mananciais.
O Concello recoñeceu as deficiencias e explica que teñen dous motivos. O primeiro é que nos últimos días baixou o nivel de auga do depósito. O segundo, que a auga da traída que chega a Marín dende Pontevedra "no es suficiente".
Dende o Concello falan dunha auga insuficiente de forma estacional, non xenérica. Enmarcan os problemas de abastecemento no incremento da demanda de auga que se produce en Marín en verán, xa que "o nivel da poboación se multiplica nesta época do ano debido á proximidade das praias".
Ademais, sinalan que "esperan" que este problema que "sucede dende hai anos no verán" non se repita en veráns posteriores, pois "de seguro quedará resolto coas obras previstas no proxecto de Acuaes", antigo Aquanorte.