A piques de rematar o periodo de consultas a administracións para a nova estrada de Mollavao
Por Redacción
Os permisos para facer realidade a nova vía que conectará a rúa Rosalía de Castro coa Avenida de Marín en Mollavao seguen movéndose.
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, anunciou este venres que está a piques de rematar o período de consultas a administracións afectadas pola nova estrada. A partir de aí, se non se producen obxeccións, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental deberá emitir informe de impacto ambiental aclarando se o proxecto ten ou non efectos significativos sobre o medio ambiente.
Segundo explicou Mosquera, a Consellería de Medio Ambiente informou á Deputación hai un mes da apertura dun periodo de consultas ás administracións afectadas polo novo vial, neste caso, ADIF (pola existencia dunha vía), Costas (por estar en suelo marítimo terrestre) e os concellos colindantes (Pontevedra e Marín), para que remitisen os seus informes sectoriais e alegacións ao respecto. O prazo está a piques de rematar e a previsión é que non se produzan atrancos e, por tanto, que o departamento de Calidade da Xunta poida formular unha avaliación de impacto simplificada (que tamén será exposta ao público mediante anuncio no DOG).
Unha vez salvado este último trámite no departamento autonómico, o proxecto da estrada aínda deberá volver ao departamento de Costas do Estado para autorización definitiva. Hai que lembrar que o proxecto da nova estrada recolle “de maneira escrupulosa” todas as indicacións apuntadas dende o departamento estatal de Costas nas dilixencias previas, polo que o persoal técnico da Deputación considera que non debería haber máis complicacións no que resta de tramitación administrativa que as derivadas da acumulación de traballo motivada pola crise da COVID-19.
O propio vicepresidente Mosquera subliñou a complicación da tramitación para realizar esta estrada, apuntando que unha vez todos os papeis e autorización estean en orde a execución das obras vai ser inmediata.
Segundo a valoración realizada no seu día, a nova vía que conectará a estrada vella e a autovía de Marín en Mollavao terá un custe aproximado dun millón de euros. Así se desglosa no proxecto realizado pola consultora AinActive contratada pola Deputación para o deseño do vial, que indica a necesidade de construír varias columnas de grava para dar estabilidade ao terreo que incrementarán en máis de 300.000 euros o investimento previsto.
Relacionadas:
-
Costas desatranca a concesión de terreos para poder construír o vial de Mollavao
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Estudan a construción de 64 vivendas unifamiliares en Mollavao
Por Redacción |
-
O proxecto da variante de Mollavao "pega un bo salto" ao non necesitar avaliación ambiental ordinaria
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma de Mollavao, pendente de Costas tras aceptar a Xunta transferir a PO-546 ao Concello
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación asumirá o trámite das obras de integración de Rosalía de Castro no traxecto urbano
Por Anxo Lourido |