Itinerario peonil en Combarro e prohíbido sacar á rúa os expositores dos comercios
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, e o responsable de Patrimonio, Xulio Barreiro, deron a coñecer este venres as medidas de seguridade ‘anti Covid-19’ que se comezarán a aplicar no casco histórico de Combarro, a fin de garantir o benestar da veciñanza e dos visitantes que visiten este emblemático emprazamento.
Ambos edís coinciden á hora de sinalar a que as características peculiares da contorna obrigan a realizar actuacións específicas para o núcleo, dadas as súas rúas estreitas e a afluencia de turistas que se prevé durante a temporada estival. "Queremos que estas visitas se leven a cabo de xeito seguro", incidiron.
Deste xeito, tal e como xa se anunciara no seu día, habilítase un itinerario peonil recomendado, co obxectivo de evitar masificacións e cruces de persoas entre si, que incluirá paneis informativos nos accesos situados na Praza da Chousa. A entrada principal serán as escaleiras, excepto para as persoas que padezan problemas de mobilidade, que poderán facer uso da outra entrada. O Concello ofrecerá xel para a limpeza de mans antes de entrar e, ademais, será obrigatorio o uso de máscara.
Pola súa banda, os comercios situados dentro no casco histórico non poderán instalar expositores no exterior, xa que poderían supoñer posibles focos de contaxio. Estes postos pasarán ao interior dos locais. Marga Caldas explicou que estas medidas foron consensuadas co sector, xa que "do que se trata é de garantir a seguridade de todas e todos, pero sen prexudicar aos negocios". De feito, para premiar a súa implicación, o Concello entregará selos acreditativos a comerciantes e hostaleiros do núcleo que cumpran con todos os requisitos e recomendacións de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias.
Xulio Barreiro fixo un chamamento a turistas e veciños para que dean cumprimento a estas normas dentro da denominada ‘nova normalidade’. "Cometeriamos un erro se nos relaxamos, porque o virus segue a estar aí. Debemos permanecer alertas, respectar as distancias de seguridade e utilizar as máscaras. Non hai necesidade de caer en alarmismos, pero si que debemos ter coidado", indicou.