A Xunta comprométese a regular os aparcadoiros de Pontesampaio que os veciños reclamaron hai máis dun ano
Por Redacción
A Xunta de Galicia porá en marcha unha regulación de aparcadoiros en Pontesampaio que os veciños da parroquia reclamaron hai xa máis dun ano. A reclamación veciñal abordouse nunha reunión celebrada en 2012 e non obtivo resposta, de modo que os afectados solicitaron unha nova xuntanza co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
O encontro celebrouse este mércores e ao remate do mesmo o responsable autonómico fixo público un comunicado polo que se compromete a executar as medidas necesarias para reorganizar os aparcadoiros situados nas inmediacións da ponte romana, así como para a instalación dunha nova sinalización vertical de zona escolar na vía autonómica PO-264. Outra demanda vecinal é a instalación de redutores de velocidade xunto ao centro de saúde.
O presidente da Federación de Asociacións de Veciños Castelao de Pontevedra, Verísimo Pazos, remitiu un escrito á delegación territorial da Xunta no mes de xuño en nome dos veciños da asociación Santa María de Pontesampaio no que recordaba a Cores Tourís que "hai máis dun ano que tivemos unha xuntanza onde se trataron varios temas, pero especialmente os problemas e perigos viarios na estrada que cruza Pontesampaio".
As dúas asociacións de veciños da parroquia pediron as melloras a Cores Tourís
Nese mesmo escrito Verísimo Pazos recordaba ao delegado territorial que despois da anterior xutanza a Xunta se comprometera a facer un estudio do tema tratado e pasarllo aos veciños. Decidíronse a pedir unha nova reunión para abordar o tema porque "non tivemos noticia algunha sobre o particular" e "a preocupación dos veciños é cada día maior sobre este tema de seguridade viaria".
Na nova reunión deste mércores abordouse este demanda e outras en relación a melloras na seguridade viaria de varias estradas autonómicas que atravesan Campañó, Pontesampaio e Os Praceres.
En relación con Pontesampaio, Cores Tourís indicou que "somos coñecedores da demanda social que existe en relación a este tema, xa que permitiría gañar en seguridade viaria aos peóns e tamén aos propios condutores" e recordou que a demanda tamén a fixeron recentemente os veciños da asociación Heroes de Pontesampaio nunha reunión.
No caso de Campañó, os veciños trasladaron a súa preocupación pola acumulación de auga que se producía na época de fortes enchentes na confluencia da PO-531 coa VG-4.1. "Xa lle trasladamos os veciños que en xuño deste ano leváronse a cabo obras neste punto para atallar esta situación. En caso de que cando chegue o inverno comprobemos que se repite a situación, poñeríamos en marcha novas medidas neste punto", engadiu o delegado territorial.
Cores Tourís tamén tomou nota da demanda dos veciños de Os Praceres en relación ao tráfico pesado que atravesa esta parroquia pola PO-546. Recordou o delegado territorial que xa se levaron a cabo tarefas de mellora da estrada a través do reafirmado da mesma.