A zona do Varadoiro de Portonovo, aparcamento a partir do 9 de xullo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo e Portos de Galicia habilitarán a partir do próximo 9 de xullo unha zona do varadoiro de Portonovo como aparcamento público con capacidade para 80 vehículos.
Ambas as institucións asinarán un convenio que permita esta medida, que, como en veráns anteriores, conta co apoio da Confraría de Pescadores e do colectivo hostaleiro Can de San Roque.
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; e a concelleira de Planificación Territorial, María Deza, mantiveron unha reunión de traballo e visitaron os portos de Sanxenxo e Portonovo este mércores e puideron analizar as distintas medidas e accións que levarán a cabo en breve, entre elas o convenio para ampliar o estacionamento na vila mariñeira.
Ademais, acordouse que Portos de Galicia estudará a mellora do acceso á lonxa e ao porto de Portonovo. O patrón maior, Juan José Bicada, pediu á presidenta que se tomen medidas para tratar de reducir a velocidade no acceso limitado con valo móbil despois de que se detectasen continuas roturas do elemento por parte dos vehículos que acceden á zona, moitos cunha velocidade excesiva que lles fai levar o valo por diante.
O alcalde mostrou á presidenta de Portos a localización da illa de contedores soterrados que está prevista que se instale dentro da zona portuaria e que substituirán os actuais contedores. A instalación levarase a cabo nos próximos días e será o mesmo modelo que o do porto deportivo de Sanxenxo para evitar os malos cheiros e as pragas.
O patrón maior de Sanxenxo, Sauro Martínez, tamén mantivo un encontro informal coa presidenta de Portos de Galicia e o alcalde aproveitou para pedirlle a demolición da rampla da praia dos Barcos, un acceso que na actualidade non se utiliza e que serviría para gañar maior espazo para o areal urbano. O Concello de Sanxenxo solicitará un proxecto para executar a derriba e dar maior amplitude ao areal.