Implican tres mozos e un menor en cinco roubos en chalés baleiros da Toxa
Por Redacción
A Garda Civil detivo dous mozos de 21 e 34 anos e imputado a un rapaz de 19 anos e un menor como supostos autores de cinco roubos con forza cometidos durante o mes de xuño en chalés da illa da Toxa, no Grove.
Os detidos son I.V.M., de 21 anos de idade, e JA.V.G., de 34. O imputado maior de idade é o mozo de 19 anos RD.D.G. e aos tres e ao menor atribúenselle cinco delitos de roubos con forza noutros tantos chalés.
Segundo informou a Garda Civil, neses cinco domicilios substraeron varios televisores, equipos musicais, xoias, unha cubertería de prata e un telescopio, entre outros. Para entrar nas vivendas, que nese momento non estaban habitadas, forzaban as portas ou ventás, mesmo nalgunha delas rompendo cristais.
A investigación da Garda Civil comezou cando os donos das casas se decataron do sucedido e puxeron denuncia e concluíu o pasado fin de semana coa localización dos catro supostos autores e a recuperación da maior parte dos efectos substraídos.
Os detidos quedaron en liberdade coa obriga de presentarse no Xulgado de Instrución número 2 de Cambados cando sexan requiridos. O menor deberá prestar declaración ante a Fiscalía de Menores de Pontevedra.