Prevén que a remodelación do Pazo Besada comece a principios de 2021
Por Redacción
O ansiado proxecto de remodelación do Pazo Besada comezará, se se cumpren as previsións do goberno municipal de Poio, a principios do próximo ano 2021. Esta intervención custará preto de 500.000 euros, que serán financiados a través do Plan Concellos da Deputación.
Esta intervención foi autorizada este martes pola comisión de Urbanismo e o Concello prevé licitala xa durante este verán, segundo avanzou o edil responsable desta área, Gregorio Agís.
A mellora das instalacións do Pazo Besada, situado en San Salvador, permitirá trasladar a este emprazamento varios dos servizos que na actualidade se prestan na Casa Rosada.
No proxecto apóstase por habilitar un espazo para Servizos Sociais na planta baixa, que incluiría áreas para actividades das persoas maiores. Ademais, tamén se contempla o traslado do Centro de Información á Muller (CIM) e habilitar despachos administrativos.
Unha vez feita realidade a remodelación, o Pazo Besada tamén contará cunha aula de estudo e unha biblioteca, que complementaría á de Campelo, entre outras dotacións.
Esta remodelación xa fora autorizada por Patrimonio da Xunta de Galicia, pero a súa tramitación viuse afectada polo cese de actividade que provocou o confinamento decretado a raíz da crise sanitaria da COVID-19.