Os técnicos da Xunta non inspeccionaron ENCE tras o incidente e consideran que é un "episodio puntual de mal olor"
Por Anxo Lourido
"Se está estudando e imaxino que nos próximos días se chegará a algunha conclusión. Por parte da Xunta se está a analizar todo o que pasou", con estas palabras contestaba o delegado territorial dá Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís, á pregunta realizada por PontevedraViva sobre a avaliación que se realizaba dende a administración autonómica do incidente que se producía en ENCE o pasado domingo 11.
O delegado indicou que os técnicos da Consellería de Medio estaban a analizar o sucedido e nos próximos días ofrecerase información ao respecto.
"O que me estraña é que onte estivo o Conselleiro en Cambados e ninguén lle preguntou polo tema", remataba preguntándose Cores Tourís sen ter en conta que a visita do Conselleiro de Medio, Agustín Hernández, se producira antes da nota emitida por ENCE na que se sinalaba que os técnicos da Xunta non acudiran á fábrica nas últimas horas.
Dende o gabinete de comunicación confirmaban que os técnicos da Xunta de Galicia non visitaran a factoría e estaban a investigar a partir dos datos facilitados dende ENCE e do centro de calidade do aire instalado en Mollabao.
AVANCE DO INFORME: "EPISODIO PUNTUAL DE MAL OLOR"
Non obstante, fontes do gabinete de comunicación da Xunta informaban ás 15 horas deste mércores 14 de que xa contaban cun avance do informe dos técnicos no que se detecta que o domingo 11 se produciu un aumento de compoñentes que causan malos olores dentro dos límites da AAI pero se encontran dentro dos parámetros establecidos. Por ese motivo, non cabe impoñer unha sanción á factoría. O incidente catalógase como un "episodio puntual de mal olor". E sinalan que non foi necesario que os técnicos se trasladasen a Lourizán porque os datos da estación de Mollabao se trasladan directamente aos laboratorios da Consellería en Santiago. Ante estes datos, dan por pechado o caso.
APDR RECLAMA A REVISIÿN DA AAI
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) emitiu un comunicado no que reclama á Xunta de Galicia que revise os niveis de SO2 permitidos na Autorización Ambiental Integrada (AAI), e "os axuste por baixo dos niveis de afectación á saúde das persoas e, en todo caso, por baixo dos valores acadados na emisión de ENCE o pasado domingo".
Segundo expón a APDR, o valor medio rexistrado o domingo 11 eran de 129 mg/N m3, unha cifra que "está moi por riba dos valores medios acadados ao longo do período que vai desde o 13 de xullo á actualidade". E critica á empresa por "atreverse a afirmar" que este valor de emisión está por debaixo dos valores máximos permitidos pola Xunta situados nos 200 mg/N m3
O colectivo que preside Antón Masa indica que reclama a atención do goberno galego sobre a necesidade de garantir a inocuidade das emisións de ENCE sobre os cidadáns. E finaliza o escrito sinalando que se ENCE non pode cumprir con esas esixencias que solicita a APDR á Xunta, a administración autonómica debería proceder á retirada inmediata da AAI a ENCE, "unha autorización que en calquera caso e en base á probada incidencia negativa da empresa sobre os recursos naturais, o medio ambiente e a saúde e a calidade de vida das persoas- non debería ser renovada no ano 2015 no que finaliza a actual renovación".
Relacionadas:
-
Carme da Silva sobre ENCE: "Chernobil tamén era a central máis segura do mundo ata que non o foi"
Por Alejandro Espiño |
-
Lores: "Temos case 9.000 parados, non vamos a resolver o problema do paro con 200 traballadores de ENCE"
Por Diego Espiño |
-
ENCE asegura que as súas análises confirman "episodios de cheiros e non problemas respiratorios"
Por Redacción |
-
Estudan expedientar a ENCE pola "fuga de gases" que provocou problemas respiratorios na cidade
Por Alejandro Espiño |