Lores: "Temos case 9.000 parados, non vamos a resolver o problema do paro con 200 traballadores de ENCE"
Por Diego Espiño
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, cargou duramente contra Ence na súa primeira comparecencia tras coñecerse o incidente acontecido nunha das caldeiras da pastera o pasado domingo e que provocou, segundo os veciños da Parda e Juan Carlos I, un forte olor e irritacións respiratorias.
Lores criticou que a empresa non comunicase oficialmente o acontecido ao Concello, como é pertinente nestes casos, e intente mesmo desviar a atención, segundo defendeu tamén a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva: "despois de que recoñeceran un problema cunha caldeira agora intentan desviar a atención decindo que non houbo afeccións ou que non coinciden as horas".
Defende o alcalde que se recibiron chamadas de "catro puntos diferentes da cidade" nun día de afluencia masiva de xente: "non é de recibo que fagas o dano que sexa, ambiental, físico ou o que queiras e agachar a orella debaixo do ombro".
O rexedor capitalino elevou o ton das súas protestas para esixir á Xunta que non prorrogue a concesión á pastera, busque unha solución para o seu traslado e responda con contundencia a estes incidentes para evitar que se reproduzan no futuro. Asegura Lores que existen polígonos industriais baleiros que poden acoller a Ence, polo que os postos de traballo non deben de servir como xustificación: "a min me doen os postos de traballo, eu prefería que houbera 600, sólo hai 200, pero eu sempre digo nós temos 8.000 e pico case 9.000 parados, no vamos a resolver el problema del paro con 200 trabajadores de Ence".
Lores: "Aquí xa pecharon empresas de 300, 400, 500, 200, etc., y nadie puso el grito en el cielo"
Neste sentido Miguel Anxo Fernández Lores entende que non se tivo a mesma resposta con outras empresas da cidade que pecharon nos últimos anos: "aquí xa pecharon empresas de 300, 400, 500, 200, etc., y nadie puso en grito en el cielo, sólo se pone el grito en el cielo cuando hay que defender a los especuladores y a los que están utilizando espacio público para beneficio privado".
Lores engadiu que a lexislación contempla que "as industrias nocivas e perigosas" deben estar a dous quilómetros dos núcleos habitados, un motivo que provocou multitude de deslocalizacións mentres en Pontevedra Ence-Elnosa "está metida non centro da cidade".
CHAMADAS AO 112 E POLICÍA LOCAL
A través dun comunicado o Concello de Pontevedra deu a coñecer as chamadas recibidas en 112 e Policía Local, máis dunha ducia, de veciños alertando do mal olor que detectaban e asegurando algúns deles sufrir "picor de ollos e gorxa".
Segundo este comunicado, ao servizo do 112 chegaron avisos dende Eduardo Pondal, Rúa das Olivas e Carrasqueira, mentres á Policía Local chamaron veciños de Manuel Colmeiro, Pintor Laxeiro, Camiño de Ferro e Avenida de Vigo.
Relacionadas:
-
Carme da Silva sobre ENCE: "Chernobil tamén era a central máis segura do mundo ata que non o foi"
Por Alejandro Espiño |
-
O PP local reclama a Lores que pida perdón aos traballadores de Ence e lamenta a falta de transparencia da empresa
Por Anxo Lourido |
-
Os técnicos da Xunta non inspeccionaron ENCE tras o incidente e consideran que é un "episodio puntual de mal olor"
Por Anxo Lourido |
-
ENCE asegura que as súas análises confirman "episodios de cheiros e non problemas respiratorios"
Por Redacción |
-
Un incidente nunha caldeira de ENCE provoca irritacións respiratorias en veciños da Parda e Juan Carlos I
Por Alejandro Espiño |