Vilagarcía festexa este xoves o día de San Roquiño o Pequeno, a véspera da Festa da Auga
Por Redacción
Como cada 15 de agosto as festas de Vilagarcía céntranse no barrio de San Roque onde se celebrarán os tradicionais actos do día de San Roquiño o Pequeno. A misa na capela, a procesión polo barrio e a tradicional romaría poñen o inicio matutino á celebración que pola tarde se trasladará ao resto da vila e a discoteca móbil da explanada TIR na que os máis mozos poderán ir quentando motores de cara á celebración da Festa da Auga da mañá seguinte.
Os pasarrúas dos gaitas dos Terribles de Arousa pregoarán polo barrio de San Roque o Día de San Roquiño O Pequeno dende primeira hora da mañá. A misa celebrarase no praciña da capela de San Roque a partir das 11:30 horas e estará cantada pola Coral Santa Eulalia. Ao remate da mesma, celebrarase a tradicional procesión portando a imaxe do santo que se garda na capela e coa compaña da Banda de Música de Vilagarcía e Os Terribles de Arousa.
Unha vez concluído o percorrido, no mesmo atrio da capela, terá lugar a tradicional romaría popular co reparto de empanada e viño entre os asistentes, seguindo a tradición que rememora a costume que tiñan os donos do Pazo de San Roque de agasallar aos veciños do barrio para conmemorar o día de San Roquiño.
O programa das festas patronais segue tamén neste día festivo cunha xornada máis do Salón Gastronómico Vilagarcía, que abrirá as súas portas da Praza da Peixería de 12 a 15 horas e de 20 a 24 horas. Nela, os visitantes poderán degustar unha ampla carta de viños albariños de adegas da zona, así como pratos típicos.
Xa pola noite, a festa regresa ao barrio de San Roque onde, a partir das 22 horas, terá lugar a verbena amenizada polo grupo Os Tres Latinos e o Dúo Caramelo.
A diversión tamén está servida para os máis novos, na que é unha das noites máis longas do ano, a da previa á Festa da Auga. A oferta para a mocidade céntrase esta noite na explanada TIR onde se instalará unha discoteca móbil na que poderán bailar dende as 21:00 horas ata as 04:00 da mañá.